¿Que din os monicreques?
Deza
08 Oct 2009. Actualizado a las 02:00 h.
Se soubésemos exactamente de quen dependemos serían menos necesarias as cábalas sobre os porqués dos nosos actos. Sabemos de quen dependen os monicreques porque case sempre se miran as sombras por tras das cores. No caso humano tamén dependemos, pero nunca queremos admitir de que.
A sabedoría dos macaquiños
Non damos feito. Entre o fútbol, a corrupción e a crise xa case non queda sitio para nada máis. Igual resulta moito pedir que adultos con facturas por pagar, con ameazas de despido, con soldos por baixo do mileurismo ou atacados polo plan renove promovido por Ikea baixo o lema onde caben dous caben tres, decidan ir ver uns macaquiños que se moven evidenciando as súas dependencias e mesmo admitindo que non están aí para explicalo todo. Pero aproveitando que está aquí Galicreques habería que ir e perder o medo a ser público de espectáculos que non están prescritos para a nosa idade. Habería que ir ver que din os monicreques ao raio transparente do prácido luar. Habería que ir ver que din sobre manipulación ou inxenuidades. Sobre como os beneficios se reparten entre centos e as perdas entre millóns. Como cando se defenden os intereses colectivos hai perigo de revolución e cando se defenden os particulares ninguén recoñece os fíos das cordas. Habería que ir do mesmo xeito que noutro tempo fomos comprobar se as campás dobraban por nós. Agora deberiamos ir preguntarlle aos títeres se non seremos nós os últimos en ver eses brotes de verdor cinguido.
Cuestións biolóxicas
Cada un xoga co que ten. Algunhas veces dan unha educación e outras veces tiran un pao para que nos entreteñamos en ir recollelo. Hai xente máis cruel. Hai xente que a ese exercicio de castigo chámalle disciplina social. Para min que a testosterona é unha bebida de moito consumo e mala prensa. Pero a Wikipedia insiste bastante en que é unha hormona que permite desenvolver as musculaturas masculinas sen demasiado esforzo. Tamén insiste que a testosterona feminina inflúe sobre o humor e o apetito sexual. A masculina, en cambio, inflúe sobre todo como ben se pode comprobar nos razoamentos de algúns tertulianos radiofónicos. Hai días que a sensación xeral é que estamos moi incómodos como especie. A cousa non se explica así: explícase asegurando que estamos incómodos cos roles, cos xéneros, coa sociedade ou coa banda de gaitas responsable da sesión vermú nas festas do patrón. Pero tanta incomodidade dispersa apunta a unha incomodidade xeral que o PP non vai poder atribuír á unha xestión incorrecta por parte do bipartito.
Estamos incómodos como especie. Estamos incómodos cas limitacións que nos tocaron e, lonxe de asumilas, buscamos sempre alguén que cargue coas culpas como busca o PP a quen cargarlle o morto de Gürtel.
Mentres non damos co acomodo estaría ben ir aprendendo algo práctico. Que non quere dicir que aprendamos sobre estrelas e planetas ou sobre a liberdade de movemento dos átomos. Deberíamos ir aprendendo dunha vez algo sobre nós.
Antes que chegaran os grises
Galicia tamén viviu a súa época de alivio. Ese tempo que na vella cultura do país sucedía ao loito e que marcaba un cambio de circunstancia. Había que seguir calados, pero xa non era imprescindible ir de negro. O proceso seguía a escala cromática esperable. Primeiro o negro, logo o gris. E ata aquí. O resto sería perigoso. Houbo unha época en que Franco veraneaba en Meirás e Galicia enteira vestía de loito. Houbo unha época en que a xente fantaseaba con matar ao ditador, iso mesmo que o cine americano leva practicando tantos anos cos seus presidentes e mesmo precedendo á realidade. Os galegos fantaseamos oficialmente con matar a Franco con algo de retraso: unha vez que xa morreu. Así é máis doado. Tamén é certo que as cousas nunca son tal cal e que no medio de tantas desgrazas quedan resíos para algunhas alegrías. Diso quere ir Glass City. Dos tempos dos consellos de ministros sen nada que decidir e nos que ninguén se levantaba para ir ao servizo. Nin pedir permiso. Eses tempos coincidían cos primeiros fogonazos do rock and roll. Unha música que vale para poñerlle ritmo ás fantasías de magnicidio. Ou para facerse vellos sen ter que atender á dignidade. Mentres, a literatura tentaba matar a Franco. O tipo tardou moito en morrer. Iso foi porque non lía.