La Voz de Galicia

Ser contemporáneos é estar aquí 2

Deza

19 Jun 2008. Actualizado a las 02:00 h.

Un dos problemas dos centros de arte contemporánea é que hai pouco sitio para sentarse. As sillas que asumen a imaxe dos quince anos do CGAC poden ser unha invitación ao futuro ou a constatación dunha carencia.

O CGAC cumpre 15 anos que, en termos sociais, supón a posta de longo para señoritas no Casino ou o debú da primeira saída nocturna oficial ou que poidas ter un ciclomotor. Tamén pode ser que xa case estás en idade de traballar, pero iso só unha confirmación das miserias da especie.

En calquera caso é un síntoma de cambio, como en termos biolóxicos, un anuncio de que está a madurez por chegar baixo a esa distancia cool que parece dominar a arte contemporánea. O CGAC ten festa aniversario esta fin de semana e, polo tanto, hai menú especial, horario especial e quizais se consiga que tamén as conversas sexan especiais.

Unha das circunstancias da arte contemporánea e este adxectivo temporal, inestable que todo o mundo vende como positivo pero que só é positivo ás veces. Ser contemporáneo é estar aquí e, a poder ser, atento. As imposturas son contemporáneas pero non son arte. Como moito son artes da representación e hai días nos que suman un bonito espectáculo sobre ata que punto unha parte da obra contemporánea é unha decisión de actitude individual.

Pero vaidades hai en todas partes e as festas só contribúen a acentualas. O CGAC asumiu hai moitos anos o papel de ser capital da contemporaneidade e non sempre cumpriu con ese papel. Unhas veces porque fuxiu ao monte do pasado e outras porque durmiu no delicado repouso da estancia institucional. Tamén foi motivo de bronca, pero está claro que tratándose de cultura é mellor a bronca que a sesta.

A festa é cultural, de venres a domingo, pero a mesma idea de que unha festa cultural dea para algo máis que sesudas conclusións sobre o futuro demostra que un dos ámbitos que a cultura contemporánea non conseguiu foi o da cultura popular. Non falo de alfarería, falo de que haxa xente. A programación do aniversario ten un importante apoio musical, e a súa parte audiovisual e mesmo unha revisión da situación na que anda a arte galega, a contemporánea enténdese.

A outra cuestión da contemporaneidade é que cando acaba unha comeza outra sen solución de continuidade. E hai que estar. Hai que estar atentos, hai que estar tranquilos, hai que ter algún sitio no que sentarse para erguerse despois. Pero, sobre todo, hai que estar aquí.


Comentar