La Voz de Galicia

Estradense F.S. e Bar Recreo mídense nun triangular en Lalín

Deza

Pablo Penedo

01 Sep 2007. Actualizado a las 02:00 h.

Os dous equipos de referencia do fútbol sala da zona cítanse esta tarde no Pavillón Municipal de Lalín nun triangular que completa o Monterroso F.S. lugués da Liga Autonómica Norte.

Cabeza de cartel na súa condición de vixente campión do Grupo 1 da Primeira Nacional A, o Estradense F.S. xogará os dous primeiros encontros do torneo, que abre ás 19.30 horas fronte ao Monterroso. Acto seguido o conxunto vermellón desputará o partido central do triangular, compartindo protagonismo co equipo local. Un Bar Recreo que este mes se estreará na Liga Autonómica Sur. Os equipos dezao e lugués pecharán a cita.

O Estradense F.S. chega en principio a Lalín cos seus 13 efectivos dispoñibles. Entre eles, Perce e Capi, incorporados ao equipo a comezos de semana.

Vermellóns e dezaos desputan a que será a súa segunda cita de preparación da pretempada. O Estradense F.S., logo de rematar segundo noutro triangular, en Noia, onde perdeu 3-0 co Lobelle B e venceu 5-0 ao Pub Cotton local. O Bar Recreo, pola súa banda, caeu por un axustado 6-4 na cancha do Boqueixón de Primeira Nacional B.

Os locais, ilusionados

Baixo as ordes de Juvenil, que esta tempada alternará a función de xogador e de adestrador, o Bar Recreo está a preparar a conciencia o seu debú a finais de mes na Autonómica Sur.

O cadro lalinense dá o salto de categoría sen Álex, Pablo Osorio e Javi Pedreira, baixas no plantel que acadou o ascenso, que o club compensou coas fichaxes de Christian (Donramiro) e de Jonhy (Vilatuxe).

A falta de coñecer o calendario ligueiro, unha incógnita que desde o club dezao agardan se resolva a vindeira semana, o Bar Recreo comezará o campionato regular coa intención de «dar moita guerra». Así o manifestaba onte o seu presidente, Javier Rodríguez Presas, quen ve no seu equipo «un conxunto forte, que gañou en actitude. Non deberamos ter problema para rematar a Liga na metade da táboa», sentencia.

Partido feminino na Estrada

Por outra banda, o equipo feminino do Estradense F.S. xoga o seu primeiro amigable, hoxe ás 18 horas no Frontón fronte a outro equipo de Liga Provincial, o Friol de Lugo.


Comentar