A directiva do C.D. Lalín descoñecía a decisión de Tata de deixar o equipo
Deza
De Bessa nega que o xogador poida irse sen máis, e di que quizais teña que pagarlle ao club O cadro roxinegro xoga hoxe o seu derradeiro partido do ano no Cortizo fronte ao Portonovo
09 Dec 2006. Actualizado a las 06:00 h.
A decisión do centrocampista italoarxentino Diego Hernán Acoglanis, Tata , de abandoar o plantel roxinegro no parón navideño resultou ser toda unha sorpresa para a directiva, para o corpo técnico do C.D. Lalín e mesmo para o director deportivo da entidade roxinegra, Manuel Antelo, unha das dúas persoas que se estarían encargando de buscarlle novo equipo a Tata segundo manifestacións o venres do propio xogador. O presidente do C.D. Lalín, Amandio De Bessa, dixo quedar sorprendido ao coñecer a través deste xornal a decisión do futbolista. Un detalle que lle desagradou sobremaneira, como ben se encargou de facer patente nas súas declaracións. De Bessa comentou que «nós non sabiamos nada», para advertirlle acto seguido a Tata de que a liberdade do centrocampista non depende do xogador, senón do C.D. Lalín. Neste senso, o presidente dixo que «é mentira que exista a cláusula de liberdade da que fala Tata. O que eu acordei no seu día cos seus representantes (Manuel Estévez e Manuel Antelo), e de forma verbal, é que se o xogador quería irse en decembro, podería facelo, pero devolvendo todo o diñeiro que recibira do C.D. Lalín ata a súa marcha, tanto de nómina como polo piso no que vive». De Bessa lánzalle un aviso a Tata: «Se quere marchar, terá que chegar a un acordo co club. O que non pode permitir este club é contratar a un futbolista, gastarse un diñeiro nel, e que o xogador se vaia cando lle pete sen ningún tipo de contraprestación». A cousa está xa que logo do máis clara para o presidente: «Tata meteu a pata, pois que o amañe el». O mandatario roxinegro informou ademais de que o italoarxentino vense de tomar un día de permiso de máis, xa que Gelucho lle concedera o venres para ir a buscar a súa moza a Madrid, pero onte tampouco non apareceu no adestramento. A directiva do Lalín non deu contactado onte con Tata. O director deportivo do C.D. Lalín, Manuel Antelo, amosou tamén a súa extrañeza polo caso. Antelo quixo deixar claro que desde a súa chegada ao club, e mentres estea nel, «abandonei o meu traballo de representante de xogadores». Incluído o de Tata, que en agosto aterrara no Deza da man de Manuel Estévez e do propio Antelo. Este último coincidíu onte co adestrador roxinegro, Gelucho, á hora de optar por agardar a coñecer a versión do centrocampista antes de tomar unha decisión ao respecto. Ambos están de acordo tamén en que «haberá que buscarlle unha saída á situación», e que se o futbolista non quere continuar en Lalín o club non se pode permitir o luxo de que siga. Importante partido Xa polo que respecta ao apartado estrictamente deportivo, o C.D. Lalín disputa esta tarde o seu derradeiro partido do ano no Cortizo (16.30 horas) medíndose ao Portonovo. Undécimo clasificado con 23 puntos, o cadro arousán presenta unha traxectoria do máis irregular, como demostran os seus dous últimos resultados na Liga: 4-0 en contra en Betanzos e, a pasada semana, idéntico resultado, pero a favor, no seu propio campo ante outro candidato ao descenso, o Laracha. Gelucho sinalou a importancia deste encontro para o seu equipo, xa que «está claro que nós non estamos nunha situación privilexiada». Sen Tata, por sanción, nin Nando, lesionado, o preparador roxinegro convocou o xuvenil Adrián e mais a Manu Alonso, que entra así na súa primeira convocatoria tras retornar ao Lalín hai dúas semanas. Un dous dous substituirá a Nando no once titular, que polo demais repetirá protagonistas respecto ao equipo que saltou de inicio ao campo do Dépor B hai 8 días. Pola súa banda, o Portonovo preséntase no Cortizo sen o central ex roxinegro Tito.