A ponte que non existe
Deza
RECANTO | O |
08 Sep 2006. Actualizado a las 07:00 h.
LEO CON abraio que a Ponte dos Cabalos non é ninguén, que non está nos arquivos do noso Patrimonio Histórico das herdanzas. Máis de mil anos de resistencia para que logo os papeis non rexistren a súa biografía. ¡Que país temos! E un, mesmo idiotizado, pregúntase se nesta borralla burocrática non habería aínda alguén que dese conta de tanto sono, de tanta cegueira. É tan grave esta ofensa coma a de meter o pisón onde había que meter moito antes a sabiduría. Porén algo está á vista do común: existe unha data: ano 970, do posíbel acabamento das obras, cando os camiños eran de intelixente trazado e construción (pragmatismo e fermosura que hoxe son case unha ousadía); hai unha Ínsua, por acaso salvada pola Xunta despois de pararen a ignominia das tantas minicentrais (¡tres na cativa distancia do Arnego antes da súa entrega ao encoro en Portedemouros!) espacio a protexer onde se atopa un mundo cheo de vida vexetal e, sobremaneira, unha arquitectura de auga, con pasares e desniveis para o aproveitamento óptimo do río (véxase unha muradella de pedra que couta as augas das inchentes e agocha a ribeira da erosión, tan ben feitiña, de tanto amor dos devanceiros labregos). Este lóstrego mediático da intemperie sobre as boas e non boas consciencias, cando foi o ataque ou accidente á ponte, pode ser aínda aproveitado en positivo: implíquese nel tamén o Concello de Lalín, mesmo a Ulloa e o Deza. E déixense calquera dos grupos políticos de arestora de aproveitaren o feito da desgracia en canto de recoñeceren aínda máis o labor da Asociación de Amigos dos Pendellos, lumieira, facho, que axuda e convoca á lucidez nos máis de tres anos de existencia para que as achegas e os orgullos de ilustrarmos ao pequeno mundo rural. E o alcalde e o concelleiro de Cultura, que teñen comigo "a palabra" das súas entregas solidarias para a recuperación urxente dos símbolos máis antigos desta arquitectura de Feira e Vila (traermos xa a Alta Ara da capela das Virtudes do leito do río Ferreiroa) non vexan sombras partidarias onde non hai senón luces de abrente natural e compromisos de ledicia, nin epígonos do BNG nin sambenitos, senón persoas sen máis beneficio que as autoestimas e un labor silandeiro que nos honra como un día merecente do futuro que soñamos culto e feliz, en Festa e Risa, Música e Palabra permanentes, como cando de hoxe en oito días, sábado 16 de sol a sol, honremos no III Encontro nos Pendellos, ao patriarca da galeguidade por tanta Vida feita: Avelino Pousa Antelo, dixen. "Traede unha rosa".