Solidariedade
Deza
O SOL | O |
02 Aug 2005. Actualizado a las 07:00 h.
DISQUE NO verán baixa o número de doazóns de sangue. Que casualidade, xusto cando as estradas afían a súa navalla, e as reservas dos centros de transfusión apuran ata a última gota, imos nós e deixamos de cumplir cun dos últimos actos solidarios e gratuitos que deixan ver as diferenzas entre os seres racionais e os demáis. E é que non debemos esquecer que cada doazón leva implícito un soplo de vida. Supoño que a máis dun nos vai sendo hora de facer fronte a certas fobias ás xiringas, ao pánico á cor vermella, e aos vaídos gratuítos, aínda que para moitos inevitables. Poucas satisfaccións maiores pode haber que saber que axudas a alguén a sair dunha cama de hospital, ou que colaboraches para sacar unha vida adiante. Mañá unha unidade móbil estará no Campo da Feira Vella a esperar por cantos de nós estén dispostos a facer algo polos demáis sen pedir nada a cambio, aínda que dándonos, de xeito gratuíto, a tranquilidade dun deber cumprido. Din por aí que Santa Bárbara só nos ven á cabeza cando trona. A ver se algúns nos acordamos sen ter que ver os raios, tal e como xa fan milleiros de persoas que coa súa sangue regalan vida.