O PRESIDENTE do goberno de España, falando sobre o matrimonio homosexual, manifesta que a nova lei, que permite este matrimonio e a adopción por parte de parellas homosexuais, consolida a España coma símbolo de paz, dereitos e tolerancia no mundo enteiro. ¡Inxenuo de min! eu que pensei sempre que o que consolidaba a un país coma símbolo de paz era a paz mesma, ou por dicilo doutro xeito, a loita contra a violencia. Ben, pois resulta que poucos días antes estourou unha bomba de ETA en Madrid e o señor presidente do goberno nin sequera aludiu a ela. É a segunda vez que ó señor presidente se lle esquece condenar un atentando de ETA.
Xa dixen máis de unha vez que non teño nada en contra dos matrimonios homosexuais (si contra a adopción), pero creo que hai cousas moito máis importantes en España que merecen atención por riba de se casan ou non casan os homosexuais, ou se a esto lle chamamos matrimonio cando deberiamos chamarlle unión civil, como fan noutros países europeos que non marean tanto a perdiz e onde, non obstante, os dereitos dos homosexuais están bastante máis fora de dúbida ca neste país. Este modus operandi político que se para nas cousas accesorias e deixa de lado os asuntos esenciais contradi aquela máxima latina que pregonaba «accesorium sequitur principale», é dicir, o accesorio segue ó principal. O señor Zapatero parece querer imprimir á política española un xiro copernicano e facer que o principal siga ó accesorio.
Por eso, antes de solucionar temas esenciais coma o plan hidrolóxico (máis coa traza de desertización que leva o sur da península, Narbona dixit ); a caixa da seguridade social, que comezará a ser deficitaria no ano 2011; os fondos europeos e outros verdadeiros problemas do noso país, dedícase a planificar a súa axenda en torno a pseudoproblemas coma a lei de matrimonios homosexuais, o estatuto catalán (que se facemos caso das enquisas, só lle preocupa ó 6 % dos propios cataláns) ou o traslado do arquivo de Salamanca. E no probable caso de que as súas solucións non lle vaian ben a estes problemas, non se preocupen vostedes, que xa creará outros problemas para as súas solucións. Rochi@terra.es