Vestidas para a ocasión
Deza
O CRISOL | O |
04 Aug 2003. Actualizado a las 07:00 h.
O VERÁN semella ser sinónimo de voda, e as vodas sinónimo de modelitos fashion e glamurosos. Antes o vestido da noiva era o centro de atenión, cando chegaba tóda-las miradas ían parar ó vestido branco, pero agora xa non sempre é así, perdeu o protagonismo absoluto. Os traxes das invitadas, e dalgún que outro invitado, convertéronse nos últimos anos en auténticos traballos de enxeñería. Os modelos prepáranse con meses de antelación, calculando ata o máis mínimo detalle. Non pode faltar nada, porque hai que arrasar, deixar o pavillón ben alto porque a competencia soe ser moi forte. As dúas horas de perruquería e maquillaxe soen ser o complemento perfecto para o vestido maravilloso. Hai que atar ben tódo-los cabos non vaia ser que no último momento falle algo. Como se das carreiras de Ascot se tratase, hai que buscar un modelito exclusivo, o problema está en que Marc Jacobs e Carolina Herrera soen estar ocupados e non poden deseñar nada, así que hai que acudir a Zara, ese comodín que nunca falla, ou case nunca. A roupa pode que non sexa especialmente orixinal, pero podes ir divina e á última por poucos euros. O outro gran problema está no momento da cerimonia. Chegas á igrexa, ou ó xulgado, que ultimamente tamén está de moda, e alí está: o teu traxe estupendo posto noutra percha. Non pode ser. O teu gozo nun pozo. Pasaches días planeando a cor, a lonxitude, os taconazos, para nada. Unha morenaza escultural desas que saen na tele ten posto o teu vestido. Pero iso non é o malo, o peor é que a ela quedalle mellor cá tí. Ademáis, as sandalias vanlle mellor ó traxe, e o bolso ata semella de Vuitton. ¡Oh ceos, non pode ser!