O C.D. Lalín perde comba cos tres primeiros postos ó caer co Arousa
Deza
A precipitación condeou ós de Acevedo, fusilados con dous goles en momentos clave Ademais de suma-la súa terceira derrota, o conxunto dezao perde a Ángel por tarxetas para este domingo
31 Mar 2003. Actualizado a las 07:00 h.
? «Fue uno de los partidos en los que dispusimos de más ocasiones de gol. Lástima que no tuviésemos más acierto. La verdad es que nos faltó tranquilidad en nuestro juego». Estas eran as impresións do adestrador do C.D. Lalín, José Manuel Acevedo, logo de analiza-la terceira derrota do seu equipo no campionato ligueiro, o pasado domingo ante o Arousa por 2-0. Unha derrota marcada polo acerto do conxunto arlequinado á hora de fusila-la portería dezá en momentos clave do duelo. A primeira, no minuto 9, e a segunda, no 11 da segunda parte. Ambas, de Manuel, un prometedor xuvenil da canteira vilagarciana.Logo de sufrir unha saída en tromba do Arousa nos dez primeiros minutos do encontro, o Lalín repúxose do primeiro mazazo. Asentado no campo, non tardou en apropiarse do esférico para comezar a ataca-la portería local con perigo pero sen efectividade, a súa condea no campo da Lomba.Ángel, cun tiro lambendo o poste, e Germán, a piques de remachar a pracer un balón na área pequena cando o meta arousán llo quitou das botas, dispuxeron, xunto con Guerreiro e Suso, das mellores ocasións para empatar.A segunda metade foi parecida, aínda que non exactamente igual cá primeira. O Arousa engordou o seu casilleiro particular cun segundo gol de Manuel ó pouco da reanudación. O efecto indesexado nas filas roxinegras foi a perda de orde nas súas ofensivas.Neste senso, Acevedo comenta que «el equipo jugó un poco más desesperado, ansioso. Se lanzó arriba pero no tan bien como en la primera parte».O tropezón do domingo afasta un pouco máis ó Lalín do terceiro posto da Liga, logo da victoria do Arteixo en Negreira (0-1), ó tempo que recurta de cinco a catro os puntos de ventaxa sobre o Bouzas. Ademais da derrota, a nota negativa foi o quinto cartón amarelo para Ángel, que se perderá así o enfrontamento deste domingo co Grove.