O mañas
Cultura
24 Sep 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Na miña casa, e por influencia directa do barallete, a xerga dos afiadores e outros oficios ambulantes que falaba o meu pai, ao raposo sempre o coñecemos como «o mañas». De feito, no ámbito familiar, empregamos a miúdo un dito popular que di: «Mañas, tu ris ou regañas?», cando non entendemos ben certas expresións faciais. É un xeito de lembrar a súa astucia e a súa forma de ser. Sempre me gustaron estes animais, aínda que sei de primeira man que non son precisamente queridos no mundo rural. A miña opinión é que son criaturas incriblemente intelixentes, astutas e limpas, que simplemente se buscan a vida para sobrevivir
Por algún motivo, pensamos que estamos por riba de todo, pero a realidade é que compartimos este espazo. Dende hai uns meses, hai un raposo, un raposiño ben fermoso, que se instalou preto da miña casa. De vez en cando cruzámonos e parece que está moi a gusto por aquí, máis alá do que nós ou o noso vello chihuahua, xa medio cego, poidamos molestalo coa nosa presenza nalgún momento. Cada noite fai das súas, e aos poucos fun descifrando os seus movementos e a súa peculiar forma de actuar. O tipo de buratos que aparecen na finca, as froitas dos árbores movidas a unha distancia considerable de onde deberían caer, un zapato que aparece a vinte ou trinta metros de onde o deixei… Todo iso eran pistas, pero a proba definitiva foron os excrementos, tan característicos, que fun atopando en lugares moi peculiares. Son animais especialmente listos e aquí non teñen problema para atopar comida. Froitas, ratiños, réptiles, insectos… Sérvenlles de sobras para estar ben alimentados.
Nunca o cheguei a ver con total claridade, agás nalgún encontro fortuíto e rápido. Pero recentemente merquei unha cámara de visión nocturna, e agora podo observar algúns dos seus movementos na escuridade. Sempre vai apurado, coma se non quixese perder o tempo, e ata se pode sentir a súa enerxía e a súa vitalidade.
En calquera caso, aquí é benvido. Desexámoslle que, fóra do noso espazo, non teña un encontro desagradable con aqueles que non o queren. Eles ocupan o seu lugar, e nós non somos os donos de todo o que nos rodea. A ver se pouco a pouco imos entendendo esa sinxela pero tan importante lección. O mundo é de todos.