La Voz de Galicia

Ramón D. Veiga: «Hai que rir de todo o que se poida, incluso da morte se é posible»

Cultura

javier becerra redacción / la voz escritor
Ramón Domínguez Veiga co seu libro «Zoom» nas mans

O ferrolán dá o salto á literatura para adultos con «Zoom», unha colección de relatos que se crearon dende a visión dunhas fotografías

07 Nov 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Ata este ano, Ramón D. Veiga (Ferrol, 1970) dedicábase á literatura infantil. Pero existía unha pulsión interior para escalar nas idades do seu público. «Apetecíame cambiar. Era un pouco un experimento para ver como cambiaba a miña forma de escribir», subliña. De aí sae Zoom (Xerais), un libro de relatos cunha estrutura insólita na que se mestura o humor coa dor e o drama coa retranca.

—O libro parte de dez imaxes a partir das cales constrúe un relato.

—Si, pedín as fotos, fago un zoom e escribo sobre iso. Había que inventar unha foto sobre o que chegaba. Unhas fotos foron máis fáciles, outras máis difíciles.

—Incluíu nos textos moita retranca e humor?

—Si, o humor é fundamental para vivir. Hai que rir de todo o que se poida, incluso da morte se é posible. Hai que desdramatizar a vida, iso é moi importante. Para iso hai que rodearse de xente que te faga rir. Non todos os relatos son de humor, pero si que todos teñen retranca.

—Hai unha mirada de observador do cotián?

—Eu creo que toda a xente que escribe faino dende as súas vivencias. Escribe do que sabe. Uns documéntanse moito e escriben do que estudaron. Este non é o caso. Son vivencias persoais ou cousas que coñezo. Hai relatos que poderían parecer conversas con amigos. Outros son totalmente autobiográficos, como ese que fala do paso cara a idade adulta. Aínda que o certo é que non me gusta chamala así, porque creo que non pasei aínda a esa idade.

—O feito de facer literatura infantil é un refuxio precisamente para non ser adulto?

—Non o creo. A min gústame escribir para nenas e para nenos porque me gusta. Encántame ir aos coles a contarlles contos e falar das obras. Mais que ser neno, o que me gusta é estar rodeado de nenos e nenas. Síntome moi cómodo escribindo para eles.

—Os que escriben para nenos din que hai que cambiar a óptica. Queda algo dentro de ti logo?

—Escribindo para adultos non notei ningunha diferenza. O que fixen é pensar en quen ía ler os textos. O demais é traballo. Podes escribir unha novela de cen páxinas nun tempo determinado e o traballo é o mesmo que se o fas para adultos.

—Non queda algo da necesidade de ser claro e de non empregar subordinadas imposibles ou metáforas non comprensibles?

—Eu tendo a ter unha linguaxe clara, tanto para nenos como para adultos. Igual para nenos usas frases máis curtas. Pero nunca pretendo usar unha linguaxe moi literaria, senón contar unha historia a un amigo.

—Isto é o inicio de algo ou unha cousa illada?

—Pois non o sei [ri]. Nunca sei o que vou escribir cando remato unha obra. Teño cousas escritas. Que se me apetece? Apetéceme de todo. Que non teño tempo? Tamén. Pero non me gusta cando me din: «E, agora, para cando a novela?». Non é necesario facer unha novela despois dun libro de relatos. Igual que cando fixen os primeiros libros infantís me preguntaban que cando viña o libro normal. Pero como que libro normal? Este xa é un libro normal!

—Podería ser ao revés. Un libro de relatos e que a foto se fixese ao final?

—Iso xa o pensei: darlle a volta e, en vez de facer un zoom, facer un clic. É unha idea moi apetecible. Cando empecei con Zoom xa pensaba que ter logo un contrario sería xenial.


Comentar