La Voz de Galicia

Xesús Fraga: «Galicia está onde estean os que se senten galegos, sexan de onde sexan»

Cultura

Alejandra Plaza FrankFURT / E. La VOZ
Xesús Fraga, nunha mesa redonda na feira do libro de Frankfurt.

Na súa primeira visita á feira de Frankfurt falou da súa novela autobiográfica «Virtudes (e misterios)» e constatou a boa saúde do libro e do sector editorial

01 Nov 2022. Actualizado a las 05:00 h.

O escritor, xornalista e tradutor Xesús Fraga, aínda que betanceiro, naceu en Londres hai 51 anos. Con máis de tres decenios de labor periodístico en La Voz de Galicia ás costas e varias obras literarias, este fillo e neto de emigrantes recibiu o Blanco Amor e o Premio Nacional de Narrativa polo seu derradeiro libro, Virtudes (e misterios), unha novela autobiográfica que recrea a historia da súa avoa. Con esta historia de superación e emigración, en galego e da man do Ministerio de Cultura, Fraga aterrou en Frankfurt na Feira Internacional do Libro. No pavillón de España, país convidado de honra nesta edición, os visitantes puideron escoitar a Fraga falar un día en torno á revista Granta: Poéticas del lenguaje, con Julieta Valero e Xuan Bello, e, á xornada seguinte, con Manuel Rivas e Miqui Otero, sobre Itinerarios del pasado.

—Era a primeira vez que visitaba a Feira do Libro de Frankfurt?

—Si, era a primeira vez. A miña chegada coincidiu cos días de apertura ao público, cando xa concluíra practicamente a actividade puramente comercial, o que, cos actos que tiña comprometidos, non me permitiu explorar a feira como me gustaría. Pero sempre me resulta alentador constatar a potencia e a diversidade do sector editorial global: é indicativo da boa saúde do libro.

—O Blanco Amor e o Nacional de Narrativa son importantes recoñecementos para «Virtudes (e misterios)». Que é o que ten esta novela?

Virtudes (e misterios) é un intento de comprender o impacto, positivo e negativo, da emigración en tres xeracións da miña familia, comezando por meus avós, seguindo cos meus pais e ata chegar a min, nacido en Londres por causa desas migracións anteriores. Como novela de non ficción, usa as técnicas literarias para examinar esas implicacións económicas e sociais, pero tamén formativas, culturais e emocionais. Tamén se pode ler como unha homenaxe a esas familias que fixeron todo o posible para que seus fillos e netos tivesen unha vida mellor e, grazas a iso, transformaron un país. Por último, alguén definiu o libro como unha carta de amor á miña avoa... e non a teño por mala apreciación.

—Cre que a historia de vida da avoa Virtudes condicionou a súa?

—Por suposto. Miña avoa marchou a Londres, deixando atrás tres fillas, sen coñecer o idioma nin como funcionaba aquel país. Era, tamén, unha muller abandonada polo seu marido, que se fora a Venezuela a facerse rico e do que non só non recibiu nin unha peseta, senón que perdeu o contacto con el. Máis que falar de herdanza, prefiro ver na miña avoa un exemplo para momentos difíciles. Sacou adiante ela soa as súas tres fillas, con gran vontade de sacrificio e xenerosidade, e isto saberano quen lea o meu libro ata a súa conclusión, cunha incrible capacidade para o perdón.

—Como o marcou a vostede e á súa familia a emigración? Que opina da do século XXI?

—A emigración marcou o meu punto de partida na vida: eu non nacería en Londres de non ser pola cadea migratoria que me precedeu. Pero foi moito máis alá. Crecín a cabalo entre mundos distintos, coas súas linguas, os seus costumes e tradicións, un escenario diverso que creo que me beneficiou. Un exemplo é o manexo do idioma, pero non o único: ao final marca a túa forma de ver a vida e entender o mundo. Desde o Neolítico, os humanos non deixaron de emigrar, ás veces por vontade propia, ás veces obrigados, polo que o século XXI é só un episodio máis nesta longa historia. De nós depende facer que traballe ao noso favor.

—Cre que a cultura e a literatura tamén sufriron a emigración?

—A emigración hai que entendela desde unha mirada global, onde todas as pezas están interrelacionadas: a economía, os avances sociais, a literatura... En Galicia moitos nomes e obras teñen un vínculo fundamental con eses movementos migratorios. Como en todo, pérdese pero tamén se gaña. Mellor que formulalo en termos de dentro e fóra, gústame entendelo como unha rede, unha constelación conectada, unha diáspora, ao fin e ao cabo, onde eses vínculos actúan como fíos invisibles, como di Débora Campos, unha galega da Arxentina, polos que flúen ideas, sentimentos e todo o que nos une. Galicia está onde estean os que se senten galegos, sexan de onde sexan, cada un á súa maneira, sen esencialismos.

«Escribir en galego non te fai peor, pero tampouco mellor»

Unha das facetas creativas de Xesús Fraga ten que ver coa tradución. Acaba de ver a luz en Galaxia a que fixo do Diario do ano da peste de Daniel Defoe, un labor polo que sente un grande respecto.

—Cando empecei a carreira, unha compañeira salmantina díxome que ela non lía a autores estranxeiros, porque, habendo tantos e tan bos escritores españois, para que ler unha tradución? A tradución é precisamente o que permite unha conversa global, saír de ensimesmamentos e outras posicións máis preocupantes e perigosas, empatizar e entender os demais, por diferentes que nos parezan. Sen esquecer que o propio acto de traducir é unha creación cultural de primeiro nivel. Espero que cos anos e a experiencia a miña antiga compañeira ampliase as súas perspectivas.

—Son as linguas minorizadas o futuro da diversidade, a riqueza da literatura e o selo de identidade?

—As linguas chamadas minorizadas nin son peores nin mellores que as demais. Escribir en galego non te fai peor, pero tampouco mellor que se o fas en calquera outro idioma. Cando un escritor se pecha no seu cuarto, non é periferia ningunha, senón que se sitúa no meridiano cero da súa obra, como explicou moi ben Agustín Fernández Paz. Se son algo, son a expresión da diversidade que preside o mundo, unha creación humana sofisticadísima, como son todas as linguas, e cuxa voz merece ser oída como todas.

—Pecháronselle portas literarias por escribir en galego?

—Non sei se se pecharon portas ou non. Ás veces un atópaas pechadas, e vese incapaz de abrilas, pero tampouco coñece os motivos. Si que me teño atopado con prexuízos ou persoas cínicas que se valen deles no seu beneficio. Pero os meus libros permitíronme conectar con outras moitas persoas e iso é o que ten verdadeiro valor.

—Houbo críticas sobre o apoio á cultura en Frankfurt. Séntese apoiado ou queda por facer?

—Ás veces un escoita críticas ao apoio institucional de actividades culturais, como se fosen un ornato superfluo e o diñeiro houbese que levalo a outra parte ou, máis perigoso aínda, que o Estado debe desaparecer de toda iniciativa pública e deixar que rexan as leis do mercado. Eu si creo na sociedade, nas comunidades. E un bo termómetro para saber como estas respiran é a maneira en que tratan aos seus membros menos favorecidos e a atención que dedican a eses ámbitos, irrelevantes para algúns, pero de gran capital simbólico e emocional (e económico, convén non esquecelo).


Comentar