O primeiro Día de Rosalía da nova era
Cultura
Conmemórase o 185.º aniversario da escritora na data real do seu nacemento
23 Feb 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Este Día de Rosalía non vai ser como os demais. Celébrase por primeira vez un 23 de febreiro en lugar do 24, como se fixo ata agora. En outubro pasado, unha descuberta reconduciu a biografía da autora. Foi o achado da investigadora Sagrario Abelleira no Archivo Histórico Diocesano de Madrid dunha escritura notarial que acreditaba que a escritora nacera o 23 de febreiro de 1837, modificando así unha das datas claves da cultura galega que este ano adquire un empuxe moi particular. «Rosalía sempre dá cousas novas e agora ofrécenos unha nova data para celebrar o seu día», di rindo Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. «Antes había sospeitas de que a data non era a correcta, agora non hai ningunha dúbida respecto diso», engade.
«Non foi algo casual, senón inesperado», lembra Sagrario Abelleira. O seu traballo consistía en corroborar os datos biográficos de Rosalía de Castro. Ata que sufriu un sobresalto: «Foi unha sorpresa, tamén un pouquiño de dúbidas porque, aínda que eu xa lera todo o habido e por haber de Rosalía, quedaba a posibilidade de que alguén escribira disto antes. Pero non foi así».
Esta circunstancia serve indirectamente para achegar máis luz á figura de Rosalía. «Estano facendo moi ben dende a fundación. Aproveitando este cambio e esta gran noticia, están motivando a universidades, entidades culturais, concellos e removendo todas as institucións», sinala Abelleira.
De feito, son numerosos os actos que se celebrarán hoxe por toda Galicia. Entre outros, ás nove da mañá abre o día o acto institucional no Parlamento de Galicia; ás dez haberá unha lectura de poemas do alumnado do Instituto Camilo J. Cela de Padrón diante da estatua de Rosalía en Padrón (cunha alborada cos Carapaus); ás once repetirase a alborada cos Carapaus e celebrarase unha ofrenda na praza de Vigo de Santiago, preto do lugar onde naceu a autora; e ás doce, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, unha lectura de poemas rosalianos e a actuación musical de Xisco Feijoó, ademais de Irma Macías e Antía Ameixeiras.
Dende a Fundación Rosalía de Castro levan días promovendo dúas celebracións moi simbólicas. Por unha banda está a elaboración dun caldo de gloria, inspirado no poema Miña casiña, meu lar no que a poeta explica como facer un caldo humilde. «Fala da épica invisible das mulleres, diaria e doméstica», subliña Angueira. Nos últimos días sumáronse máis de 200 locais hostaleiros e máis de 70 comedores escolares, ademais de concellos e empresas de toda a xeografía galega. Por outra banda está o chamamento a todos os gaiteiros de Galicia para dar unha alborada de gloria na súa honra.
Pero sobre todo, subliña Angueira, a Rosalía «hai que lela». O presidente lembra que «acaba de presentarse un audiolibro dos poemas de Rosalía, que é un gran avance». Ademais, dende a fundación consideran que o traballo de Abelleira permite ver a biografía da autora dende outra perspectiva. Máis alá do cambio da data, os documentos aportan «unha nova visión e unha nova interpretación do papel da nai en relación coa súa filla. Ese mesmo documento acredita que a nai nunca abandonou a súa filla e que ademais foi responsable da súa educación. O seu papel foi clave para que esta meniña padronesa se formase, cultural e intelectualmente, en Santiago e en Madrid», detalla.
Marisol Palomo (Ialma): «É unha muller loitadora que defendeu a súa cultura. Sempre nos identificamos con ela e cantamos cousas dela»
Dentro dos múltiples actos de homenaxe a Rosalía de Castro que se celebrarán hoxe, a formación belga-galega de cantareiras Ialma ofrecerá un recital en Pontevedra (19.00 horas, Pazo Provincial) na gala de Rosalía. Mañá estarán en Vigo (19.00 horas, sede da Deputación en Vigo) e o 25, en Vilalba (20.00 horas, Auditorio Municipal).
—Que é Rosalía para vostedes?
—Identificámonos con ela totalmente. É unha muller loitadora, que defendeu a súa cultura e a súa lingua. Sempre cantamos cousas dela.
—Que papel xogou culturalmente?
—Son os primeiros libros que tivemos na man que gardaban cancioneiros galegos, a primeira referencia que tiñamos nese sentido. Pero o sorprendente é que agora podes lelos de novo e todo do que fala está de actualidade. Mira a emigración. Por iso creo que máis que nunca temos que ler a Rosalía, cantar a Rosalía e tela sempre presente. Cantar a Rosalía é emoción, é presenza, é socialización e é alegría. Para os nosos pais era a referencia e o primeiro agasallo para conectarnos coa cultura de Galicia.
—Veñen nun momento de bum co fenómeno Tanxugueiras. Como ven a situación?
—Nós pensamos que pode ser moi bo para todos. Cando íamos por aí con proxectos galegos, ás veces dicíannos: «Jo, tanta gaita e tanta pandeireta, non hai outra cousa?». Pero na emigración o motor é a gaita e a pandeireta. Cando vemos a onde chegaron as Tanxugueiras, que para nós gañaron, vemos que a música galega pode chegar fóra. Galicia debería estar moito máis presente.
—Quizais sexa o mellor momento para espallar eses sons.
—Claro. Nós temos unha música moi alcanzable ao mundo.