La Voz de Galicia

O primeiro Día das Artes Galegas valora a pegada do Pórtico da Gloria

Cultura

La Voz Presidente da Academia das Artes

A Academia de Belas Artes homenaxea o traballo do Mestre Mateo

01 Apr 2015. Actualizado a las 08:26 h.

O primeiro Día das Artes Galegas da Real Academia Galega de Belas Artes rendeu homenaxe ao Mestre Mateo, artífice da obra románica por excelencia: o Pórtico da Gloria. Aínda que a xornada elixida é o 1 de abril, nesta primeira edición adiantouse un día por mor da Semana Santa. O Hostal dos Reis Católicos de Santiago foi o escenario deste primeiro acto institucional que ten vocación de perpetuarse no tempo. Nun encontro no que a agrupación Martín Códax ofreceu unha actuación de música antiga e medieval, o presidente da Academia de Artes, Manuel Quintana Martelo, referiuse ao primeiro homenaxeado como o autor dunha obra que dá cimo á arte románica: «O Pórtico da Gloria abre camiños, fai de Galicia encrucillada de culturas, sintetiza e presupón todas as demais artes».

O pasado sábado acordouse abrir a convocatoria para elixir ao homenaxeado da segunda edición do Día das Artes do 2016. Ata o 30 de abril poderanse enviar propostas por parte de calquera organismo público ou privado. A Academia conta con sete seccións: pintura, escultura, música, arquitectura, expertos nas artes, museoloxía e arqueoloxía, e artes da imaxe. No seu seo hai académicos numerarios, supernumerarios, correspondentes e académicos e presidentes de honra. A data de celebración elixiuse porque o 1 de abril aparece no epígrafe das limeiras do pórtico da catedral de Santiago.

O arcebispo desta arquidiocese, Julián Barrio, falou da honra que supón que na primeira edición se homenaxease ao Mestre Mateo, autor dunha obra «que dirixiu desde os cimentos dos mesmos portais». José Carlos Valle Pérez, académico e director do Museo de Pontevedra, sinalou a importancia deste artista na xerarquía catedralicia compostelá ao aparecer só o seu nome nunha inscrición tan significativa para o conxunto do monumento. Valle Pérez lembrou que a figura do Mestre Mateo non se dilúe co paso do tempo, «pola súa pegada no acontecer da arte galega». Tamén o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, quixo gabar esta iniciativa da Academia, xa que a arte «é o outro idioma de Galicia, aquel que mellor nos axuda a definirnos sen verbas».

Finalmente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, trasladou os parabéns á Academia e situou as artes como o principal síntoma dun país san e dunha sociedade libre. Sobre ese soño que os galegos teñen nun futuro afastado no que persista Galicia, dixo: «Estou certo de que unha das mellores ferramentas para asegurar esa permanencia é a arte».


Comentar