La Voz de Galicia

Miguel Anxo Fernández: «Temos unha diversidade creativa envexable»

Cultura

X. F. Redacción / La Voz Comisario da exposición

20 Nov 2014. Actualizado a las 05:00 h.

Historiador, profesor e crítico de cine, Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) é o comisario da mostra, que serve para facer balance destes 25 anos pasados e ao mesmo botar unha ollada a un futuro que encara con certo optimismo.

-«Continental», «Sempre Xonxa» e «Ursa» estreáronse o mesmo ano. ¿Por que esa coincidencia e que factores interviñeron?

-O primeiro, sen dúbida, a convocatoria de axudas á produción de longas por parte da Xunta e a implicación da TVG. Tamén culminaba o proceso reivindicativo dun cine propio, iniciado nos primeiros setenta, ao abeiro das Xornadas de Cine de Ourense.

-En 1989 cine en galego e de Galicia parecería case un soño...

-Xa o había desde os setenta con varias curtas en 35 milímetros (Fendetestas, de A. Simón; O pai de Migueliño, de Castelo...) e nos oitenta (Mamasunción, de Chano...), pero o soño era dispor de longas competindo na pantalla grande, con outras españolas ou de fóra.

-Neste tempo fixéronse todo tipo de filmes, dende os documentais á animación. ¿A madurez é unha realidade consolidada?

-Madurez, sen dúbida, velaí a animación, un fenómeno creativo na pasada década, liderando os premios Goya na especialidade. O noso audiovisual xa toca tódolos xéneros, formatos e soportes, así que avanzouse moito á marxe dos resultados artísticos e económicos que poidan ter acadado. Tamén se dá un abano xeracional moi interesante. E hai talento. Cousa ben diferente é que a situación económica actual pase factura e que a exhibición teña unhas regras que compre mudar. Nese senso, o recente programa Cinemas de Galicia pode axudar a palialo.

-A ficción televisiva tamén medrou notablemente. ¿Cal é a súa achega ao cine galego?

-De non ter existido TVG e o seu compromiso a prol da ficción propia, non habería sector. Sen valorar outras consideracións, a nosa ficción televisiva dá un bo nivel.

-Agora mesmo falamos dun Novo Cine Galego. ¿Que podemos agardar dos vindeiros anos?

-O cine galego sempre foi novo porque o cine, pola súa condición de tal, vai cos tempos. Temos unha diversidade creativa envexable, na que os cultivadores do experimental e dos formatos na Rede conviven con variados modelos de produción, desde as ligazóns co exterior, ata os autores que buscan selo propio, e outras singularidades. Do sector cabe agardar compromiso coa cultura propia e os trazos diferenciais (a lingua, por exemplo), e a necesaria rexeneración no seu tecido empresarial. Da Administración, manterse a carón dun sector considerado estratéxico.


Comentar