«Non vou dimitir, e menos porque mo pidan once escritores»
Cultura
M. Cheda conselleiro de cultura
«Pese a quen lle pese», Varela descarta marchar, loa o «enorme potencial creativo» de Galicia, insta a promocionalo e invita aos seus críticos a «facer país todos xuntos»
Roberto Varela (Meaño, 1959) vive estes días a etapa más difícil dende que hai nove meses deixou o consulado español en Nova York (EE.UU.) para asumir a Consellería de Cultura. En resposta a unhas declaracións que el fixera na Coruña a semana pasada, antonte, os 11 escritores galegos galardoados cun Premio Nacional de Literatura difundiron unha carta na que reclaman a súa dimisión ou ben que sexa destituído.
-¡Vaia lío que montou!
-Si, e estou sorprendido polo seu alcance. Porque na Coruña preguntáronme se cría que había ensimesmamento na cultura galega e respondín: «É unha cultura ensimesmada e certamente, ás veces, acomplexada. Deberiamos romper con ese tópico, [...] abrirnos máis ao exterior». Só afirmei que cómpre rachar con ese tópico do illamento, do ensimesmamento, do complexo de inferioridade, e traballar coa cabeza alta para xogar na primeira división. Extraer de aí unha idea de desprezo... Xamais na miña carreira, e menos como conselleiro, dixen algo negativo da cultura galega, da calidade dos nosos artistas e literatos, da súa creatividade. Por aí non paso. A polémica está totalmente inxustificada, fóra da realidade. Evidentemente, hai detrás un interese político, en esencia.
-Pois os escritores ven o seu discurso ofensivo, insultante, despectivo, temerario...
-Que a xente xulgue o que dixen, non frases sacadas de contexto. Aceptei o cargo porque teño unha fe cega na nosa cultura, creo firmemente no que se está a facer. Temos un potencial creativo enorme, pero non o vendemos o suficientemente ben.
-Logo, ¿ratifícase no dito, rectifica ou só se arrepinte de non ter sido comprendido?
-Non fun entendido. Para rematar a cuestión: hai uns tópicos sobre Galicia e un certo illamento cultural que debemos romper, e temos que saír ao exterior para proxectar unha imaxe que contribúa a acabar con eles, facer un esforzo de promoción para xogar cos grandes.
-Non comeza moi ben o Ano do Libro e da Lectura...
-Non. Máis ben é irónico que o día en que o presentaba en público, saíra á luz esa carta.
-¿Velle saída ao conflito?
-Si. Todos xuntos temos que empezar a pensar un pouco en facer país dando a coñecer a nosa identidade. E hai cousas que non axudan precisamente a iso. Por exemplo, percibo que hai moitos grupos, moitas tendencias, que viven illadas entre si.
-Vostede avoga por usar os fondos públicos para potenciar a cultura feita en Galicia, non só a feita en galego, ou para fomentar a literatura, non para soster unha literatura subvencionada. ¿Poden estar pasándolle factura esas ideas?
-Pode, pero debo ser consecuente como meu traballo e levar adiante unhas ideas que teño claras: aposto por unha cultura galega non excluínte, que recolla influencias doutras, aberta e que se proxecte ao exterior.
-Chegou á Xunta co cartel de cosmopolita. ¿Sóbralle agora?
-Non sei. ¿Eu cosmopolita? En fin, son unha persoa viaxada, que viviu fóra moito tempo. Iso dáme unha vantaxe de perspectiva, de coñecer que imaxe hai de Galicia no exterior e como se pode mellorar. E ten o inconveniente de que, ao chegar, non estaba ao tanto de todas e cada unha das cousas que pasaban aquí.
-Hai un ano, traballaba en Nova York en algo que o enchía, tranquilo, cobrando o triplo... Antes, nos oitenta puñan en TVE un concurso chamado «Si lo sé no vengo». ¿Evócanlle algo eses recordos?
-Non, con total sinceridade.
-¿Vai dimitir?
-Non. E menos porque mo pidan once escritores.
-¿Non chegou a valoralo?
-Nin o pensei. Non tiven ningún momento de fraqueza. Mantenme firme a idea de traballar para cambiar un pouco a percepción do meu país, contribuír á súa mellora. Estou disposto a darlle a Galicia parte da miña vida nesa empresa, a seguir facéndoo. Pese a quen lle pese.
-¿Vano destituír?
-Non teño noticia diso. Conto co apoio do presidente, falo todos os días con el... e, a verdade, non o vexo con esa intención.
-¿E ten temido polo posto?
-Non, só pola miña saúde, porque é un traballo de tolos.