Comer coma un conselleiro
Betanzos
RADIOGRAFÍAS
30 Sep 2002. Actualizado a las 07:00 h.
HAI UNS DÍAS, nunha radiografía que falaba daquela suposta invasión de víboras en Razo, citei as palabras textuais dun compañeiro que, con retranca, dicía que a única «rata e víbora», era un coñecido del que pasaba todo o día bebendo no chiringuito sen pagar siquera unha volta. Recordarán os que leron O Porco de Pé , de Vicente Risco, libro ben vixente en tantos aspectos, que hai un parágrafo no que, o sogro de Don Celidonio, un tipo moi avaro, di: «Cando na miña casa entra unha peseta, para volver a saír, cómpre facer un expediente». Amiguetes ¿Cantos de vostedes non coñecen ao amiguete que sempre lle esquence na casa a carteira ou a tarxeta de crédito á hora de pagar? Poida que tamén teñan outro subtipo desta especie: ese que cando vostede convida a unha cea pide unha centoliña da ría, un rodaballo salvaxe, un cabritiño e un «vinito reserva de la Ribera del Duero». Claro que cando lle toca de pagar a el lévao a un sitio que, segundo di, se come unha espectacular tortilla francesa, viño de Betanzos e froita do día. Por suposto que lle venderá a moto de que alí vai comer a miúdo este ou aquel outro conselleiro.