La Voz de Galicia

A Coruña celebra ás cantareiras na xornada previa ao Día das Letras Galegas 2025

A Coruña

a. g. chouciño A Coruña

O Concello da Coruña rende homenaxe ás cantareiras polo Día das Letras Galegas

Para este 17 de maio están programados na cidade concertos gratuitos de Ortiga, Ulex, Xacarandaina, Zavala e Sophie Simonds, entre outros

16 May 2025. Actualizado a las 17:30 h.

Na véspera do Día das Letras Galegas, a cidade da Coruña converteuse este venres nun espazo de recoñecemento á poesía oral e á tradición musical galega, coa celebración do acto institucional organizado polo Concello para homenaxear ás cantareiras, protagonistas da edición 2025 segundo a Real Academia Galega. A homenaxe personificouse en sete mulleres cun fondo vínculo coa cidade: Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido.

O acto celebrouse na praza de María Pita, presidido pola alcaldesa Inés Rey, quen destacou o papel fundamental destas mulleres como transmisoras da cultura popular e da lingua galega a través da música: «Na véspera dese día tan especial, celebramos na Coruña este recoñecemento a mulleres que durante xeracións foron transmisoras da cultura popular, da lingua e da historia colectiva». Para perpetuar a memoria das homenaxeadas, anunciouse a instalación de tres placas conmemorativas en puntos significativos da cidade: no número 22 de Alcalde Lens (en honra a Rosa e Adolfina Casás), no cemiterio de San Pedro de Visma (Eva Castiñeira) e no número 2 da praza de María Pita (para as Pandeireteiras de Mens, que ensaiaban alí coa Asociación Folclórica Aturuxo).

Familiares das homenaxeadas como Juan José Alvite Castiñeira, Carlos García Casás e a presidenta de Aturuxo, Isabel García Quintela, tamén tomaron a palabra. O evento contou coa interpretación do Himno de Galicia por parte do gaiteiro Álex Ruíz, así como unha actuación das pandeireteiras da Asociación Cultural Donaire. A alcaldesa animou á cidadanía a participar na ampla programación cultural que terá lugar durante toda a fin de semana, con concertos, teatro, pasarrúas e actividades en distintos espazos da cidade. Rey subliñou o valor das asociacións culturais da cidade e cualificou esta edición como «a mellor programación das Letras que se fixo nunca na cidade».

Axenda de actos Día das Letras Galegas 2025 na Coruña

Venres 16 de maio

Sábado 17 de maio (Día das Letras Galegas)

 


Comentar