O edil posiciónase a favor de executar o plan director, pero lembra que «é unha competencia de Fomento, que debe presentar canto antes o documento para debater»
10 Feb 2009. Actualizado a las 11:21 h.
Henrique Tello León (Corcubión, 1951) non cre que as críticas dos últimos días sobre a xestión municipal relativas ao aeroporto de Alvedro teñan que ver algo co seu traballo diario. «Dedicámoslle moitas horas a algo que non é competencia nosa, senón que depende do Ministerio de Fomento», insiste mentres na súa mesa de traballo se amontoan as cifras e dosieres de prensa relativos ao aeródromo coruñés.
-¿Por que tardou tanto en apoiar publicamente a ampliación do aeroporto?
-O BNG sempre pensou o mesmo. Eu non podo opinar sobre algo que non existe e o proxecto para ampliar a pista é un exemplo. Sinceramente, non sei se é bo ampliar a pista ou non, porque a competencia é do Ministerio de Fomento e, polo de agora, non presentou ningún proxecto firme sobre o que debater. Por iso, o primeiro paso é que entreguen o proxecto completo e que aceleren os trámites para poder opinar con claridade.
-Pero no seu partido son moitas as voces que se alzaron en contra do plan director e o grupo municipal parecía descolocado.
-Pero iso non é tibieza nin inquietante silencio. Eu só pido racionalidade. Quero que Alvedro sexa plenamente operativo e, para elo, teñen que presentar os plans. Logo xa se verá
-¿Pensou dimitir das súas competencias en materia de liñas aéreas polas críticas?
-En ningún momento. ¿Pero hai críticas? En serio, síntome orgulloso de que neste Concello, nos últimos anos, se teña falado en serio de plans de turismo. Ademais, eu non teño competencias.
-¿Como xustifica a perda de pasaxeiros en Alvedro?
-No contexto internacional. Hai unha caída xeneralizada da demanda e medrou o prezo do combustible. Alvedro resistiu razoablemente ben a crise internacional cun esforzo moi grande e cremos que está en boas condicións para cando remate a situación actual, aló a finais do 2009, poder competir en mellores condicións.
-Hai quen di que ten moito que ver a perda de liñas.
-As compañías din que o que non hai é demanda. E estou de acordo con elas en que sería importante que houbera unha subvención pública do Estado ás compañías aéreas, como se fai noutros sectores.
-¿De quen é a responsabilidade de conseguir novas liñas?
-De todo o goberno municipal. Insisto en que esas competencias non están delegadas. Trátase de unha cantidade de diñeiro moi importante a que destinamos ás compañías e teño que convencer moitas veces aos meus compañeiros de goberno, e tamén á sociedade, de que un custe tan elevado como este limita outras actuacións.
-De feito, en Fitur dixo que, ás veces, se ía máis aló do razoable.
-Dígoo nese sentido de que se destinan recursos que non poden ir a outras cousas. Pero Alvedro é unha aposta estratéxica de todo o goberno municipal e, a pesar dese custe, ás comunicacións son estratéxicas. É un gasto público que estamos dispostos a seguir afrontando.
-Rubén Lois tamén dixo en Fitur que Turgalicia ten máis cartos para fomentar o transporte aéreo.
-A nós vainos dar o dobre que o ano pasado. Vannos dar seiscentos mil euros. Os trescentos mil do ano pasado foron para pagar unha factura pendente con Spanair desde o 2006.
-Din que a outros aeroportos, como Santiago, se lles dan hasta catro millóns.
-O compromiso da Xunta é que no ano 2010 se igualen as axudas a todos os aeroportos. O que pasa é que agora houbo que facer fronte a pactos subscritos no seu día polo PP, que en 16 anos nunca dou un peso á Coruña.
-¿Discrimina o BNG a Alvedro?
-Penso que non. As cousas están cambiando, aínda que é certo que, por razóns orzamentarias, non se puido incluír a primeira axuda hasta finais do 2008. Con respecto a Vigo, temos as mesmas condicións, mentres que no caso de Santiago, repito que se trata dun convenio que herdamos do PP. E tamén se abriron novas vías de negociación con outras institucións, como a Deputación, que nos van aportar cartos ao Concello por primeira vez e, por iso, imos ter máis cartos para negociar rutas.
-Tamén sorprendeu que delegara en Rubén Lois a consecución de novas rutas.
-O que se está a facer é un traballo coordinado, con todas as negociacións feitas conxuntamente e en permanente contacto entre todos os estamentos.