É posible ensinar a escribir poesía, a apreixala e, sobre todo, a ler poemas. Isto asegura Miguelanxo Fernán-Vello, poeta, escritor e editor, que desde o vindeiro día 3 de novembro, sábado, dirixirá un taller de poesía na sala de Ámbito Cultural de El Corte Inglés. O prazo de inscrición para as persoas que desexen participar nesta actividade, que terá lugar todos os sábados de once da mañá a unha da tarde, remata o vindeiro martes, día 30, e para facelo é preciso recoller na librería da planta baixa do citado centro comercial o formulario, cubrilo e entregalo alí mesmo. A participación é gratuíta e o número de prazas, limitado por razóns de espazo; ao remate do curso entregarase un diploma acreditativo, sempre e canso se asista polo menos ao 80 por cento das sesións, que durarán tres meses.
-Os talleres literarios son cada vez máis habituais, pero os de poesía non o son tanto, ¿non?
-Teñen moito interese os talleres de creación literaria, pero este vai un pouco máis alá da forma que teñen habitualmente, é un taller-curso para entrar no coñecemento da textualidade da poesía, da galega, da española, da francesa ou da portuguesa. Trátase de descubrir as claves da poesía.
-¿É posible ensinar a escribir poesía?
-Eu penso que si, que é posible apreixala. É un xénero matriz, central, que vertebra a creación literaria. De todos os xeitos, neste taller tamén estudaremos a historia da poesía, os temas dos que se escribe, os motivos, as figuras retóricas, o ritmo, a métrica ou a musicalidade dos poemas, entre outras moitas cousas.
-¿Ten un esquema de como se vai desenvolver este taller poético?
-O programa empezará cunha aproximación conceptual á poesía, unha definición, e as seguintes cuestións do taller serán os apuntamentos para unha historia da poesía, as características do xénero ou a lectura.
-¿Que importancia lle da á lectura?
-Iso é moi importante. Cómo ler un poema a fondo vai ser un dos eixes deste taller de poesía, porque saber ler un poema vai permitir que esa persoa poda asimilalo e reescribilo despois. A poesía é algo que levamos dentro, unha corrente innata dentro do ser humano.
-¿Hai uns poetas máis axeitados que outros para aprender poesía?
-Penso que si, que hai unha serie de autores que son unha referencia, desde a lírica medieval galega ate poetas como Rosalía de Castro, César Vallejo, Pablo Neruda, un poeta que ocupa un enorme espazo da poesía contemporánea.
-Rematarán o taller cun recital, ¿ou non?
-Haberá algunha sorpresa polo medio, o mellor algún invitado. Tamén é posible que intentemos facer o que sería un caderno poético onde se editen os poemas dos participantes neste taller.