La Voz de Galicia

Mario Regueira gaña o certame de poesía erótica Illas Sisargas

Malpica de Bergantiños

La Voz Carballo

O xurado seleccionou o seu traballo «Marco Livornio» e así foi dado a coñecer onte na Cea das Letras en Seaia

04 Nov 2018. Actualizado a las 18:42 h.

Mario Regueira (Ferrol, 1979) é o gañador da 13.ª edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, convocado en Malpica pola asociación Caldeirón, co apoio do Concello. O seu traballo, Marco Livornio, foi seleccionado polo xurado de entre os vinte que concorrían, e o seu nome, como premiado, foi dado a coñecer onte mesmo durante a Cea das Letras celebrada na Casa da Cultura de Seaia, onde tamén se presentou a obra gañadora da edición pasada, Diáspora de amor balea, de Andrea Nunes e María Rosendo. Previamente, Xabier Xil presentara o seu libro Detéxtonos.

O terreo literario non é descoñecido para Mario Regueira, licenciado en Filoloxía Galega e diplomado en Dereito. Foi xa no 2004 cando publicou o libro de relatos Rebelión no inverno, ao que lle seguiron as novelas L’affiche rouge (2007) e Outono aquí (2012), esta última premio Lueiro Rey de novela curta. Como poeta, publicou Tanxerina (2006, premio Xosé María Pérez Parallé), Blues da Crecente (2009, premio Xoán Carballeira) e O Silencio (2012). Tamén é autor do ensaio Lois Pereiro, unha persecución (2011). Na actualidade, Mario Regueira, presente onte en Malpica, é crítico literario en Sermos Galiza e outros medios e participa do podcast cultural Burán.


Comentar