La Voz de Galicia

Tres mulleres veteranas das guerras psíquicas e superviventes do noso tempo

Fisterra

Ramón Caride

Escribe o autor ourensán Ramón Canide | O hotel literario Bela Fisterra acolleu a presentación de «As superviventes»

22 Jun 2025. Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 8 de maio estivemos no Bela Fisterra, o primeiro, e por agora único, hotel literario galego, falando da nosa última novela, As superviventes, publicada en Xerais hai escasos meses.

Fomos convidados por Pepe Formoso, na súa borraxeira infinita de iniciativas culturais, a cal máis vizosa. Celebramos tamén nese acto a recente incorporación do hotel Bela Fisterra á Asociación de Museos Literarios de Galicia. Foi unha fermosa xuntanza, das que se tardan en esquecer, nunha bonita mañá de domingo, rente do mar e dos biloricos que pescudaban o seu sustento nas areas da praia.

Partillamos, coas dunas do mar fisterrán como pano de fondo, un diálogo emotivo, entretido e literario abondo con Pepe Formoso e, sobre todo, coa nosa interlocutora e moi especial lectora Julia Ures, bibliotecaria en Ponteceso, quen fixo unha lectura persoal e sentida do libro que a min, como autor, tamén me descubriu cousas. Acompañounos tamén Isabel Ares, da libraría Ler de Santa Comba, espazo onde seguiremos os coloquios sobre este libro en outubro, tras a obrigada pausa do verán.

As tres protagonistas

O argumento desta nova novela, que supón un punto e á parte na miña traxectoria —tanto pola súa temática como pola súa estrutura— aséntase en tres historias de mulleres. Tres mulleres que coinciden na sala de urxencias do CHUS de Compostela nunha madrugada calquera. Este imprevisto azar vai ter consecuencias impensadas en cada unha delas. Asistimos na obra aos seus anseios e medos máis íntimos. Ás súas loitas e ás súas inseguridades. Tamén á súa vontade de saír adiante, malia todos os atrancos e as eivas do seu entorno socio-familiar.

Víctor Hugo

As tres protagonistas —Xanax, Nativel e Marisol— son veteranas de moitas guerras psíquicas, xa que levan sufrido agresións físicas, sociais e farmacolóxicas. Con todo, non se consideran vítimas, cousas pasivas que se deixan facer e desfacer, e pelexan a cotío para chegaren a ser quen queren. Son superviventes deste tempo noso. Un tempo de crise enquistada —unha era marcada polas ditaduras produtivas, consumistas, toxico-pornográficas e tamén pola das redes sociais—, tempo este no que a demolición dos prototipos de xénero e a construción da propia identidade sexual e afectiva son cavorcos que poucos se atreven a ollar até o seu fondo.

Mais a vida é iso, un exercicio de funambulismo, mesmo que non nos decatemos. Andamos sempre en precario equilibrio riba dun cabo moi estreito, ao bordo da caída libre no baleiro. E xa se sabe: cando miras moito tempo ao abismo, o abismo tamén mira dentro de ti. Así di a coñecida frase de Nietzsche.

A violencia machista

O desenlace da novela ten moito que ver con isto, non por sorprendente deixa de ser o máis lóxico. A violencia machista, evidenciada en moitos episodios da novela, é froito de investigacións sobre casos reais de agresións, que afondan na dinámica das relacións tóxicas. Mulleres que foron acoiteladas, e tamén mulleres que sofren unha dobre explotación laboral polo feito de seren mulleres. A dependencia dos ansiolíticos e doutros psico-fármacos, tan estendida e crecente nestes días, ou o impacto das redes sociais sobre a nosa cotidianidade son outros temas que aparecen na trama.

As superviventes é unha obra que está a ter unha excelente acollida de público e crítica. Polas páxinas desta novela, que mapea a parte crúa da nosa propia realidade, tocando con valentía temas de radical actualidade, aparece o cuestionamento aberto da clásica explicación binaria dos xéneros sociais, e o seu entrecruzamento con outros debates como a patoloxización da disidencia ou a crecente medicalización dunha sociedade frustrada, en palabras de Mario Regueira.

Víctor Hugo

A obra presentouse por primeira vez no Ateneo Atlántico de Vigo o 4 de febreiro, nun coloquio con Chis Oliveira, unha das pioneiras galegas na educación afectivo-sexual. No acto de presentación en Compostela participou Laura Bugalho, a primeira muller trans na Galiza en ter unha sentenza xudicial de recoñecemento do seu nome e sexo.

A pedagoxía das oprimidas

«Esta obra, chea de actualidade e de realidades silenciadas», dixo ela, «supuxo para min remexer a miña vida persoal e política de activista trans. Atoparme reflectida supuxo, nas lecturas da novela, ver que si, que avanzamos xuntas mais fica moito por conseguir nas liberdades e dereitos. O traballo do texto literario recolle algo especial, o traballo social ou a pedagoxía das oprimidas. Recolle de xeito agarimoso como as persoas que estamos nas marxes da sociedade temos unha intercomunicación desde as ausencias, desde a crenza que un outro mundo é posíbel».

Uns apuntamentos biográficos

Natural de San Cristovo de Cea, na provincia de Ourense (1957), licenciouse en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e ata finais do 2017 exerceu como profesor de Educación Secundaria no instituto Ramón Cabanillas. Foi o primeiro presidente da asociación cultural A Santa Compaña de Cambados, localidade na que reside, e tamén un dos impulsores da revista homónima. Ademais, Ramón foi columnista en varias publicacións, colaborou en suplementos culturais e impulsou series xornalísticas como Blues da fronteira, nestas mesmas páxinas. De xeito paralelo, Caride é tamén un prolífico escritor en lingua galega, con numerosos títulos de poesía, literatura infantil e xuvenil e narrativa. Así mesmo, ten participado en obras colectivas e gañado varios premios.


Comentar