La Voz de Galicia

Marta Lado: «Todo o que sexa coñecemento quita medos»

Fisterra

PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ
Marta Lado, na súa faceta de monologuista, hai uns anos na Rúa dos Contos de Carballo.

Gentes del Finis Terrae | Actriz e escritora fisterrá, vén de publicar a obra «Sibila e a monstruosa festa do Samaín», para nenos de 8 a, cando menos, 200 anos

01 Nov 2023. Actualizado a las 23:25 h.

Literatura e teatro cadran ben con estas datas, e máis aínda o título co que a fisterrá Marta Lado recunca na escrita: vén de publicar Sibila e a monstruosa festa do Samaín, a súa nova obra. Falou en Radio Voz con Fran Rodríguez, desta volta dende Santiago, ela que se move entre tres escenarios vitais, ese de Compostela, o de Fisterra e o do Pindo: «Son os máis bonitos. Son medio de Fisterra e medio do Pindo. Vivimos en Compostela por traballo, pero é unha cidade que escollemos. Podes ir andando a todas partes e mentres camiñas vas entre monumentos, atravesas un museo».

—Quen é Sibila e que lle pasa?

—Sibila é unha nena vampira. A historia vai dela, da súa nai e da súa familia. Sibila non lle ten medo a nada, a case nada, nin ao Polo Allo nin ao sur, nin ao amencer... Só a unha cousa: os monstros. Así que como onde vivían, no cemiterio grande da cidade, todo eran monstros, mudáronse ela e súa nai a un camposanto pequeniño de aldea onde están máis controlados os perigos. A nai de Sibila non lle ten medo aos monstros, pero si a todo o demais, é súper protectora con Sibila. Chega a noite de Defuntos, hai visitas e bueno... Empeza a aventura.

—De onde lle vén o nome?

—Foi como unha especie de revelación, queríallo poñer á miña filla cando eu estaba embarazada. Tiven algunhas críticas e finalmente pois chámase Sia [ri].

—Cumpriu cun personaxe, que de certo xeito é tamén un fillo.

—De feito, a ilustración que fixo Carlos Lago para portada ata se parece un pouquiño á miña nena.

—Vén de presentar a obra este pasado domingo en Fisterra, e contábannos que hai como tres pólas no libro: o medo dunha nai a trasladarlle os seus temores á súa filla; o medo como mecanismo necesario de protección e, en terceiro lugar, un ideario popular no que, si, hai monstros.

—Si, e por riba de todo quixen transmitir unha aventura entretida, coa que rapaces e rapazas o pasen ben. Se de paso van coñecendo un pouquiño do mundo que nos rodea, e sacan algún consello ou algo que lles poida servir, xenial. Son personaxes un pouco tolos, é o que me encanta a min, un pouco histriónicos. Encántame o mundo do terror, pero con comedia. É, quizais, un pouco o que me gustaba ler de pequena. Cando volvía do cole estaba desexando ver se chegara o libro que pediramos miña nai máis eu no Círculo de Lectores, para ir correndo arriba a lelo.

—Volve publicar con Baía Edicións, desta volta con ilustracións de Carlos Lago. Máis ca un complemento.

—Si. Este non é un conto ilustrado, como foi o primeiro, no que texto e ilustracións ían á par. Sibila ten só algunhas, pero dálle o toque preciso para que te introduzas nese universo. Empézase moito espertando a imaxinación dos rapaces, apelando a ela, para que escollan espazos, definan colores, olores... Xa no primeiro capítulo temos a ilustración da cripta, súper gótica. Carlos e eu non falaramos, e cando a vin díxenlle: «Non podo crer que me guste tanto!».

—Falamos de literatura infantil e xuvenil. Ata que idade diría?

—Ata os 200 e pico anos creo que vai ben! Para empezar, quizais a partir dos 8, pero dependendo de gustos, madurez e intereses. Antes, quizais ata que lle colles o punto, dá un pouquiño de medo.

—Literatura para nenos e mozos que os adultos tamén gozan.

—Si. Eu teño a escusa de mercar libros para a miña filla, pero....

—A literatura quita medos?

—Quita, si. Penso que todo o que sexa coñecemento os quita. É unha maneira de afrontalos, entender que é iso que che dá medo.

—En Baía edicións saía a súa primeira obra, «A pita xefa», Premio Fina Calsalderrey de literatura infantil pola igualdade. Aquela pita evolucionou: Títeres Alakrán levounas ao teatro. Que evolución.

—Vaia! É de repente ves as pitiñas neses monicreques que fai Borja Insua e que son marabillosos... Velas de pé, falando, cos seus conflitos, o galiñeiro montado... A miña nena agora quere a película...

Marta Lado, en «Unha inimiga do pobo»Palma Roca

—Pois vamos á Marta Lado actriz. Seguen xirando con Talía, e agora coa obra «Unha inimiga do pobo».

—A función está a ter moi boa acollida, é destas que ao final ás veces a xente queda en silencio, preguntándose que acaban de ver. Logo aplauden, a tope. Faiche pasar por moitos estados de ánimo, é moi actual, vas vendo un dos dramas do noso tempo, a falta de información veraz, a falta de saber onde nos podemos informar e confiar. Fake news, manipulación...

—Tamén é vostede directora da Escola Municipal de Teatro de Fisterra, e teñen cita inminente, este sábado, no programa cultural de Rapacollóns. Levan «O Centulo».

—Son 14 mulleres e un home no escenario. Non sabería dicir moi ben se é un thriller absurdo ou unha traxicomedia [ri]. Naceu a partir dun traballo dos alumnos, creación de personaxes e historia a partir dun segredo. Collendo as esencias de cada un deles fixemos unha dramaturxia, ambientada nos anos 50 en Fisterra, e aí todos teñen moitos segredos...


Comentar