La Voz de Galicia

Perfecto

Fisterra

Manuel Gago

13 Jul 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Aonda xa vai medrando de maneira consistente pero aínda non chegamos ao máis alto. Refírome á palabra perfecto. Están os medios de comunicación e as redes sociais cheas de titulares «perfectos». «Como preparar un chuletón perfecto», «Dez consellos para disfrutar dunha tarde de praia perfecta», «como conseguir unha concentración perfecta».

Se aínda non se escribiron, xa verán como non tardaremos en chegar ao punto máis alto de abuso da palabra: «Como conseguir unha moza perfecta», e barbaridades de tal xeito.

Permítanme que rosme como se fora un destes columnistas maduros de semanario en castelán. Eu tendo a desconfiar de todo aquilo que se me presenta perfecto. Non hai nin persoas perfectas, nin ordenadores, coches, solombos ao queixo roquefort ou postas de sol en Fisterra perfectas. Porque perfecto, que é participio do verbo latino perficio, que quere dicir completar, significa que algo non pode ser mellorado e, polo tanto, xa é ríxido, indiscutible, final.

E a min gústanme os defectos das persoas e das cousas. Gústanme algunhas mentiras piadosas, que os cocidos, as paellas e os chuletóns non saian ás veces á altura das nosas expectativas, porque nos permiten lembrar anteriores ocasións pracenteiras; gústame poder ver evolucionar e superarse a alguén, gústame pensar que unha aplicación pode ser mellorada, ou que a vindeira novela poderei escribila mellor.

Non me fío do que se nos vende como definitivo, porque definitiva só hai unha cousa que vostedes saben tan ben coma min.


Comentar