La Voz de Galicia

A REGUEIFA SEMANAL | «Xa mo dixo o novo alcalde... nunha frase con destellos»

Coristanco

Lupe Blanco

A Festa da Pataca de Coristanco é a protagonista desta análise retranqueira de Lupe Blanco: ¡isto conta!

16 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe vou cantar un pouco

que disque son regueifeira

vou ca Festa da Pataca

que tamén son pataqueira

 

Estamos moi agradecidos

ao Concello polas festas

o mellor que nos pasou

é que limpan as cunetas

 

Alí xa cantou Blanquiño

hai trinta anos que finou

a festa ten trinta e oito

pero pouco variou

 

Se non vistes o programa

por aquí ou noutro lado

podedes estar tranquilos

que é coma o do ano pasado

 

Atrás quedan eses tempos

nos que tiña enerxía

era feudo do PP

con Cuiña e Beccaría

 

Xa mo dixo o novo alcalde

nunha frase con destellos

esta Festa da Pataca

é unha festa pos vellos

 

Debe ser ben complicada

sempre lles entra a présa

e para que se van matar

se contratan unha empresa

 

Tamén todo sexa certo

que para que a van cambiar

segue vindo moita xente

como ao programa Luar

 

Díxoo Rober Bodegas

nun monólogo que vin

os tractores da pataca

inventaron o tunning

 

Outra cousa que se nota

que tamén hai que contala

quitaron as azafatas

que alí non pintaban nada

 

Pero seguimos ca festa

iso eu non llo discuto

o mellor de Coristanco

é que temos bo produto

 

Pois que viva Coristanco

e a pataca pa comela

pataca de Coristanco

non hai outra coma ela


Comentar