La Voz de Galicia

Xogos arrepiantes

Carballo

Vicente de Lema

02 Dec 2014. Actualizado a las 18:18 h.

O paso dos anos fai pensar en moitas daquelas cousas que o xuízo que un vai collendo lle impedería repetir. Esas accións que nos quedan mallando na conciencia e que son imposibles de esquecer. Pequenos detalles, ás veces pouco máis ca xestos, aos que, en moitas ocasións, nin sequera os maiores lles prestan moita atención. As veces, ben mirado, poderían chegar a ser feitos arrepiantes que a falta de educación ou sensibilidade nos permitiu vivir de cerca. Mesmo cando vemos episodios semellantes nunha película no cinema déixannos o ánimo inquedo. E xa non falo de destripar ras pequechas, afeccións de moitos cativos doutros tempos, que seccionaban o réptil coa habilidade dun forense. Outro tanto sucedía cos saltóns ou con outros bichos de fácil alcance.

Non sei que graza lle vían rapaces da miña idade a matar gorrións ou merlos con escopetas de aire comprimidos, un regalo que adoitaban facerlle os seus pais ou parentes próximos cando retornaban de vacacións de Suíza, Inglaterra ou Alemaña. Non creo que neses países fosen tan permisivos con esas actividades.

No meu pobo converteran o vello cemiterio nun parque infantil. E alí iamos a xogar e máis a fumar os primeiros pitillos. Con escarvar un pouco no chan aparecían osos humanos. Así se formaban pequenos debates sobre de que parte do corpo poderían ser os restos. Algunha vez teñen xurdido do solo mesmamente cranios. En vez de asustar aquilo á grea infantil preadolescente, que lataba das aulas ou pasaba naquel recuncho os recreos, onde algúns tamén daban os primeiros bicos, a caveira acababa convertida en balón de fútbol co que se disputaban improvisados partidos máis propios dun filme de terror ca dunha brincadeira infantil. Habíaos especialmente afeccionados a estas prácticas, e non só con cranios humanos. Nunha ocasión atoparon un raposo morto e tamén colleron a cabeza do animal para unha aventura balompédica. En días non se paraba na aula co cheiro da podremia pegada ao calzado.


Comentar