La Voz de Galicia

«O futuro pasa pola peatonalización de máis rúas»

Carballo

T. L<span lang="es-es"> carballo psicóloga
Nerea González, durante a súa intervención no Fórum.

02 Oct 2014. Actualizado a las 05:00 h.

Nerea González López (Carballo, 1991) é psicóloga especializada en interacción social e comunitaria. Foi a primeira ponente das xornadas sobre Mobilidade e Autonomía Infantil, que se levan a cabo no Fórum carballés.

-¿A que se debe que non haxa rapaces xogando nas rúas?

-Hai varios aspectos a estudar pero creo que o máis importante foi o aumento do tráfico rodado a partir dos anos 80. Este cambio, xunto coa incorporación da muller ao mercado laboral, modificou as pautas de comportamento social, tanto dos nenos como das familias.

-¿E iso?

-Os rapaces deixaron as rúas para quedar na casa. Isto trouxo outra consecuencia como a sobreprotección do menor no eido familiar. Os rapaces están sobreprotexidos e non desenvolven as súas capacidades ou habilidades sociais. Están recluídos nas casas. Todo se fai nas casas. Hoxe un neno non necesita saír, ten todo o necesario sen saír da casa.

-¿Volveremos a ver aos rapaces xogar algún día nas rúas?

-Estou segura de que así será pero iso dependerá de moitos factores.

-¿Por exemplo?

-Do modelo de cidade que queremos para Carballo. Teño claro que parte deste éxito dependerá do grado de peatonalización do centro do casco urbano. O que ocorre é que os efectos positivos da peatonalización no son visibles a curto prazo, pero si a medio e longo prazo. O exemplo témolo na rúa Coruña. Ves nenos xogando e paseando mentres os seus pais toman algo nunha terraza ou compran. Ese é o modelo que debemos ter para Carballo.

-Na súa intervención falou das rúas como elemento de aprendizaxe social.

-Si. Nas rúas os rapaces desenvólvense socialmente. Aprenden, coñécense, interactúan, intercambian experiencias... En definitiva, as rúas son o mellor escaparate para socializarse. O que está claro é que rapaces e tráfico rodado son termos incompatibles. O problema que temos é que as cidades no están adaptadas aos cidadáns, son inhumanas e necesitamos que a xente volva a facer vida nas rúas e para iso hai que darlles as ferramentas necesarias. Non pode ser que un rapaz quede na casa por un problema de seguridade. Temos un urbanismo hostil. Eu poño como exemplo o traballo que dende hai anos se leva a cabo en Pontevedra. O Concello realiza unha política de humanización das rúas que é un referente. Carballo ten que seguir esa senda porque é a que leva ao éxito, aínda que, repito, os seus efectos beneficiosos no serán visibles a curto prazo, pero si a medio e longo prazo.


Comentar