La Voz de Galicia

«Co teatro infantil temos moita responsabilidade»

Carballo

A actriz, contacontos e mesmo escritora recollerá mañá o premio coa que o galardoou o FIOT

22 Oct 2010. Actualizado a las 02:00 h.

O Festival Internacional Outono de Teatro distinguirá mañá pola noite a Paula Carballeira como Xograresa de Outono, coincidindo coa representación de Volpone (de Talía Teatro). O xurado escolleuna a ela neste ano 2010 por atesourar un amplo currículo artístico: ela é unha moi boa narradora oral, contacontos, monologuista de vez en cando, actriz en varias series de televisión e tamén en obras de teatro, directora nalgunha produción teatral, unha parte clave de Berrobambán e, a maiores diso, e a pesares de ser tan nova, con algún bo traballo feito tamén en contribución á literatura. A propia Carballeira (Fene, 1972) dá conta da súa boa relación con Carballo: «Recordo varias actuacións aí, dende a propia Rúa dos Contos, onde incluso tiven que actuar enriba dunha mesa de tanta xente que había, pero tamén cando estiven co Centro Coreográfico Galego. Foi chulísimo e esas son cousas que recordas e que che quedan aí», asegura. Por todo iso, Paula recollerá mañá o seu premio. -¿Como tomou este galardón? -Con moitísima alegría, é un honor e máis aínda que o de pensar en min como Xograresa veña desa xente que eu admiro moito. Unha chea de cousas que che dan moita alegría, claro. -Os xograres tiñan algo que ver cos contacontos e quizais por iso aínda sexa máis especial para vostede. -Si, ten moito que ver co que eu fago e co que a min me gusta facer, que é o contacto co público, esa mestura de artes, da palabra, pero tamén do xesto, de música, dun montón de cousiñas. -Agora anda metida de cheo na gravación dunha serie, é tamén escritora, alma máter de Berrobambán... -Todo iso vaise combinando dunha maneira moi agradable para min. Hai que compatibilizar horarios, iso é verdade, pero como todo está relacionado, trátase de interpretar historias, de contalas... unha serie de factores que teñen moito que ver. Podes facelo a través da literatura, falalas, representalas, pero ao final vén sendo case o mesmo: contar historias. Todas teñen o seu aquel, pero quizais a forma que máis me gusta é a de facelo en contacto directo co público, a modo de contacontos. Logo o teatro sería o segundo grado, porque o público tamén está aí e, a continuación, a televisión. -A súa carreira céntrase sobre todo cos máis pequenos. ¿É o público máis complexo, porque nunca minte? -Efectivamente, pero a maiores diso o público infantil de hoxe será o público do futuro e por tanto co teatro infantil temos moita responsabilidade: conseguir que os nenos lle collan cariño. Hai que vencer aínda moitas reticencias a non consideralos público en si senón publiquiño e, nese eido, o traballo de todos aqueles que tratamos de dignificar o teatro infantil é moi importante.
Comentar