La Voz de Galicia

A seguridade nas comarcas

Carballo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

RADIOGRAFÍAS | O |

19 Nov 2003. Actualizado a las 06:00 h.

ANDA A xente preocupada pola vaga de roubos e atracos que houbo nas últimas semanas pola comarca adiante. A ninguén se lle debe escapar que case a práctica totalidade destes delictos teñen unha relación moi directa co problema da droga, un problema fondamente social, contra o que a mera represión policial é de todo inútil. Deter a un rapaz que roubou un par de vehículos e mandalo sete meses para Teixeiro pode tranquilizar momentaneamente á poboación pero dende logo non soluciona o problema. Seguramente cando saia seguirá enganchado ó «cabalo» e a necesidade de droga levarao outra volta á senda do delicto. Quizais as políticas de reinserción social sexan máis lentas, pero alomenos ofrecen algunhas solucións máis duradeiras. Sen embargo, a cidadanía do rural reclama unha maior presencia policial. É evidente que os municipios pequenos pouco máis poden facer que ter dous ou tres gardas municipais que por suposto só cobren unha quenda. E velaí que, coma noutros problemas, estamos pagando a falla de peso real das comarcas. É máis funcional ter un servicio permanente para toda a bisbarra que termos un aquí e outro acolá que máis ben semellan farmacias de garda. Quizais teña moito que dicir nisto San Caetano. ¿Por que non hai vontade para crear unha policía autonómica que se faga cargo das comarcas? A lóxica é esmagadora, ademais da seguridade cidadán, tamén está a protección da natureza ou a dun patrimonio público sistematicamente espoliado no medio rural. Porque, señores, a policía non só debe ser vista como un corpo de detencións e multas varias, tamén debe coñecer e formar parte desa realidade social que son as comarcas.


Comentar