La Voz de Galicia

«É moi importante sentirse útil»

Carballo

Juan Manuel Trillo Caamaño, voluntario de Protección Civil de Cee e informático

17 Apr 2002. Actualizado a las 07:00 h.

Juan Manuel Trillo Caamaño, de 23 anos de idade, é voluntario de Protección Civil de Cee desde que se fundou esta entidade, no ano 1996. Trátase dunha importante labor que comparte con moita xente e que non está retribuida pecuniariamente, anque si no foro persoal de sentirse útil á sociedade. Juan Manuel, de profesión informático, participará, o vindeiro mes de maio, nunhas Jornadas Municipales sobre Catástrofes que se celebrarán no Recinto Ferial Casa de Campo de Madrid. -¿Que opina do seu traballo, ás veces tan duro? -A min góstame moito. É moi importante sentirse útil, axudar ós demais, e nisto pódese facer. Como experiencia persoal é moi agradable e positiva, algo que sempre me interesou polas cualidades humanas, por aprender cousas válidas, por coñecer xente. -¿Hai algo que non lle guste especialmente? -Máis que non gostarme, que podería estar mellor. Por exemplo, en comparanza con outros lados, aquí o carné de voluntario non che permite descontos de ningún tipo. Creo que habería que mellorar nisto. Por outra banda, cada vez somos máis os que participamos en tarefas solidarias -por certo que en Galicia está moi ben visto, non pasa en todas partes-, pero atopámonos co problema de que cada vez temos menos cursos de formación. Un exemplo recente: para os voluntarios de Cee só nos concederon un curso de accidentes en estradas. Ademais, botamos en falta clases de autoprotección. Imos aprendendo como actuar nun incendio ou nun accidente, pero non moito como protexernos a nós mesmos en circunstancias de risco. -¿Que vai a aprender a Madrid? -Son xornadas sobre riscos e catástrofes, incluso haberá un simulacro de accidente aéreo. Tamén aprenderemos cousas sobre material, sobre actuacións. Vou en calidade de voluntario da agrupación de Cee. Xa fixeramos un curso de transporte sanitario, en intercambio co Samur de Madrid. Agora imos aproveitar para darlle unha placa ó responsable de Protección Civil de Madrid, e estamos vendo a ver se é posible ó alcalde. - ¿Outros proxectos? -Se cadra, este ano, irei a un congreso en Texas-Estados Unidos sobre emerxencias médicas. E, con outra xente, estou montando unha especie de rede de radio emerxencias por Internet. Queremos constituir unha asociación.


Comentar