A Serra non é tal
Noia
OUTES
29 Sep 2005. Actualizado a las 07:00 h.
Para os habitantes da comarca de Muros e Noia dicir que un é da Serra equivale a dicir que é do concello de Outes. De feito houbo unha época na que esta demarcación municipal se denominaba Serra de Outes. Pero cómpre facer unha aclaración porque, contra o que poida parecer, ambos termos, neste caso, teñen significados diferentes. Outes procede do latino altis , que significa «altos» e isto é porque a igrexa da parroquia que dá nome ó concello está situada, efectivamente, nas abas do monte Castelo. Pero non sucede así co lugar no que se emprazou a capital municipal, A Serra, no medio dunha ampla chaira cruzada polo río Tins, e esta é precisamente a circunstancia que orixina o nome da actual vila, pois a súa raíz Ser- é prerromana e serve para designar un curso de auga e de aquí proveñen polo tanto o río Sar, o Sarela, os concellos de Sarreaus, Sarria e multitude de topónimos en toda a comarca como Serantes, a carón do río Bendimón, na veciña parroquia de San Cosme, Sarnón, xunto ó río do Rial, na de San Ourente ou Serres, atravesada polo río Valdexería, en Muros. De xeito que A Serra non ten nada que ver con sucesión algunha de montes, que se existen no concello fican moi lonxe do lugar no que se localiza este núcleo urbano.