La Voz de Galicia

Un músico singular

A Pobra do Caramiñal

Manuel Gago Ribeira
Esta sala amosa as réplicas dos instrumentos representados no Pórtico da Gloria da Catedral compostelá.

11 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Sempre me chama a atención celebrar as xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo no teatro Elma, antigo cine da vila. Porque se de pequeno descubrías grandes historias de ficción que sucedían en exóticos lugares, hoxe en día facemos o mesmo con outras que sucederon aquí ao lado.

É o caso da conferencia impartida polo musicólogo Alberto Cancela sobre o compositor Ricardo Fernández Carreira. Este músico, nacido en Caldas de Reis en 1881, foi veciño da Pobra do Caramiñal, onde obtivo a praza de director da banda municipal en 1909 ata conseguir en 1921 a homóloga de Santiago.

Fernández Carreira ficou esquecido durante décadas, ata que Alberto Cancela descubriu o seu talento como compositor vinculado ao nacionalismo musical e á reivindicación da identidade artística galega. Na Pobra, e logo en Santiago, o director compuxo obras interesantes e afondou nos poemas sinfónicos.

Un deles, O Pórtico da Gloria, resulta intrigante e misterioso. Fernández Carreira cría que a obra do mestre Mateo podía ser lida como peza musical. Na súa composición, a música sucede coa estrutura da propia arquitectura románica do pórtico. Soa raro, non? Pois escoitamos unha simulación informática e ficamos todos pasmados.

Con O Pórtico da Gloria Fernández Carreira gañou en Bos Aires en 1949 o premio do Centro Galego. A obra estreouse alá, no teatro Broadway da capital arxentina, en 1951. Pero o músico nunca chegaría a escoitala en vivo. Velaquí queda a idea de facerlle xustiza un día nun concerto público da súa obra.

 


Comentar