Sen rubor
Barbanza
Non é estraño observar, a determinadas horas do día, a animais acompañando os seus donos en longos paseos
02 Mar 2026. Actualizado a las 05:00 h.
Non está asegurado, pero as fontes aseguran que foi Lord Byron quen acreditou a frase «canto máis coñezo as persoas, quero máis o meu can», tal como testemuña o epitafio na memoria de Boatswain, un terranova que lle morreu de rabia no 1808, «preto deste lugar xacen os restos dun ser que posuíu beleza sen vaidade, forza sen insolencia, valor sen ferocidade, e todas as virtudes do home sen os seus vicios».
Schopenhauer, expoñente do pesimismo filosófico, non tiña reparos en confesar que nalgúns momentos a compañía canina era preferible á humana. Mark Twain, escritor de sona en vida, incorporou na súa literatura a figuras destes animais inda que non desprezaba os gatos, chegando a ter, 19, pero Aileen é a cadela protagonista do seu conto A dogs tale.
Veu nestes animais a expresión máis sincera da gratitude deixando para a posteridade o pensamento «se recolles un can famento e o coidas, non te morderá. Velaí a diferenza entre un can e un home». O seu espírito animalista reflícteo precisamente na obra citada, escrita para oporse a vivisección; a experimentación con animais vivos. O esteta e dandi Oscar Wilde non tivo reparos en aproximarse a frase que estamos a esmiuzar, «canto máis coñezo aos homes, máis admiro aos animais» e, así, podíamos seguir.
Non é unha moda, pois, a entrada das mascotas nas familias de Arousa norte e das comarcas de Noia e Muros. Non é estraño observar, a determinadas horas do día, a animais acompañando os seus donos en longos paseos e como estes lles falan cun agarimo exquisito provocando unha tenrura inexplicable para aqueles que non coñecen o afecto dunha mascota. Humanizámolos sen rubor.