La Voz de Galicia

Confinados

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto

06 Jun 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Étriste pensar que hai pobos civilizados que viven confinados gran parte do ano, armados de máquinas de climatización para poder facer vida normal dentro das súas casas e oficinas: Andalucía, Estremadura ou parte dos Estados Unidos, son algúns exemplos. A calor abafante que sofren durante o verán fan imposible vivir sen máquinas, que ademais axudan a subir máis a temperatura.

Outros pobos como Galicia, o Cantábrico o norte de Portugal viviamos ata agora sen esa mochila, pero xa nos decatamos de que as temperaturas soben e que pronto será necesario confinarnos nas casas e oficinas, polo menos durante o día, para sobrevivir. O que me dá moita pena é que non somos conscientes os galegos —nin os seus alcaldes— de que temos que comezar a prepararnos para o escenario. Dáme pena porque vexo o que outros pobos están facendo, e o que nós facemos ao revés, como os cangrexos.

Cidades vascas e navarras, aragonesas, cántabras, asturianas e portuguesas están enchendo as súas rúas de árbores, plantándoos xa de gran porte para desfrutar antes do microclima. Están facéndoo a miles cada ano, tamén nas vilas e localidades pequenas. Son conscientes da realidade.

Pola contra, asistimos cada semana á corta de árbores nas cidades e vilas galegas «porque molestan aos veciños», sen piedade. Salvo contadas excepcións, tampouco vexo que se planten masivamente novas árbores no espazo urbano. Os gobernantes teñen a obriga de mellorar a vida dos seus cidadáns, polo que os animo a explicar aos veciños o momento que vivimos e a urxencia en encher todo de árbores. Pronto llo agradecerán.


Comentar