La Voz de Galicia

A campaña

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto

30 May 2023. Actualizado a las 05:00 h.

É triste facer un percorrido polas promesas electorais da campaña das municipais, a xulgar polo que se foi publicando nos medios de comunicación. Grandes obras, moitas delas ocorrencias materializadas en imaxes virtualizadas, seduciron a moitos cidadáns de moitas localidades como se se tratara de votar a quen teña a idea máis extravagante, con éxito na maior parte dos concellos.

Non deixa de ser un xogo populista que cala na sociedade a través das retinas, sen necesidade de reflexión. Vimos moi pouco de urbanismo, moi pouco de patrimonio cultural, salvo excepcións, salvo as propostas de grupos gobernantes que xa demostraron que ese proxecto estaba consolidado.

Apenas catro pinceladas sobre políticas municipais de vivenda, apenas propostas municipais de mobilidade ou de naturalización das vilas e cidades. Apenas unhas ideas sobre a protección dos centros históricos. Apenas propostas para a mellora paisaxística das localidades galegas. Non se veu ningunha referencia a estratexias de conservación, restauración de patrimonio, apenas un par de musealizacións, que non é máis que o derradeiro camiño das nosas pedras.

É peor observar como en algúns concellos nos que o patrimonio foi mimado, cambiaron o voto por entender talvez que apenas se estaba facendo nada en prol do patrimonio cultural. Estaremos atentos aos novos gobernos municipais para manter viva a necesidade de manter o noso legado nas mellores condicións.

Que non dubiden en que aínda que eles non o tiveran no programa como proposta, farémosllo ver así. Sen manter latente o pasado non hai bo futuro.


Comentar