María José Sampedro: A ribeirense que ascendeu ata o cumio da USC
Barbanza
Leva case tres décadas como docente e investigadora na Facultade de Psicoloxía, da que é decana
28 Nov 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Non só é un bo exemplo de empoderamento feminino por ter chegado a un posto elevado dentro da súa traxectoria como docente, pois vén de ser elixida decana da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), senón que María José Sampedro Vizcaya (Ribeira, 1966) mantén unha ardua loita pola igualdade desde as súas facetas de profesora e de investigadora. Faino porque «aínda é moi necesario» e porque sempre tivo unha especial sensibilidade cara as desigualdades. Compaxina esa liña de traballo con outras que lle permiten afondar na memoria.
No comezo do longo camiño percorrido, hai case tres décadas, o seu campo de traballo era a psicoloxía da atención, eido sobre o que xirou a tese que defendeu en 1992: «É a parte básica da psicoloxía, que abarca aspectos como a memoria, a aprendizaxe ou a interpretación do mundo que nos rodea». Daquela, xa formaba parte dun equipo de investigación da USC neste mesmo campo, tarefa que logo pasou a compatibilizar co traballo como docente.
En ámbalas dúas liñas, o eido da igualdade cobrou pouco a pouco relevancia. Como profesora, engadiu esta temática ao seu abano de materias. Non dubida á hora de afirmar que hai desigualdades en todos os eidos, pero recoñece que o verdadeiramente importante é «aprender a velas». Asegura que para a USC en xeral, e para a Facultade de Psicoloxía en particular, «a loita pola igualdade é un dos obxectivos prioritarios», e engade que os resultados do esforzo realizado xa se están a ver en carreiras que tradicionalmente estaban vinculadas co eido masculino e que teñen agora unha maioría de alumnas, como pode ser o caso de medicina.
Diversos campos de traballo
Tamén na súa faceta de científica, a ribeirense está mergullada desde hai un par de anos nun proxecto vinculado con este ámbito, en concreto, coa incorporación da perspectiva de xénero nos traballos de investigación. Argumenta que, tradicionalmente, os estudos realízanse tomando como mostra a un grupo de homes e estendendo despois os resultados ás mulleres, sen ter en conta que ámbolos dous sexos teñen características diferenciadas.
Co seu grupo de investigación, Sampedro Vizcaya tamén está a desenvolver un traballo relacionado cos sesgos da memoria: «Interésanos coñecer como creamos falsos recordos, algo moito máis frecuente do que puidera parecer. De feito, a nosa memoria non é unha copia exacta das nosas experiencias, senón que é un proceso en permanente construción».
A nivel docente, a ribeirense destaca unha das materias que imparte polo gran interese que está espertando ultimamente entre os estudantes, a construción de identidades de xénero: «É un tema complexo, que estuda como a cultura, a través de procesos simbólicos, dispón o que se asocia co masculino e co feminino, implicando unha interacción entre a aprendizaxe de roles, estereotipos e condutas. Desde a psicoloxía tratamos de entender como os individuos levamos a cabo eses procesos».
Ilusionada co novo reto
Ao longo dos vindeiros catro anos, María José Sampedro compatibilizará esas liñas de traballo como profesora e investigadora co cargo de decana da Facultade de Psicoloxía. Explica que afronta o reto con ilusión, porque «é un traballo de xestión moi laborioso, pero que busca canalizar as expectativas, as ambicións e as necesidades do alumnado, do persoal docente e do equipo administrativo». Como obxectivos principais, márcase favorecer a implicación dos alumnos nos órganos de goberno, recoñecendo que se vén perdendo nos últimos anos, sobre todo desde a irrupción da pandemia. Tamén aspira a garantir o cadro de persoal, tanto de mestres como de investigadores, que se está a ver reducido por mor da falla de relevo, e a seguir defendo a igualdade desde a facultade.
Co seu traballo, María José Sampedro axuda a contribuír á consolidación dunha «universidade de prestixio», convencida de que Psicoloxía é unha carreira con moito futuro. Son varias as razóns que avalan esta teoría, entre elas, a necesidade de profesionais deste eido que deixan patentes traxedias como a derivada do coronavirus ou da erupción do volcán de La Palma e a relevancia que está adquirindo, nunha Galicia cada vez máis envellecida, a psicoxerontoloxía, orientada a manter as competencias cognitivas das persoas maiores.