La Voz de Galicia

Suso Santamaría: «A Pousada é un proxecto vital»

Barbanza

Marta Gómez Ribeira / La Voz Propietario de A Pousada da Galiza Imaxinaria

O boirense dálle un valor especial ao premio que vén de concederlle Barbantia

11 Dec 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Maiúscula foi a sorpresa de Suso Santamaría cando soubo que A Pousada da Galiza Imaxinaria, a súa Pousada, viña de ser recoñecida co Sereo á Iniciativa Cultural da Asociación Barbantia, entre outras razóns porque «non me acordaba nin de que estaba nomeado». Así que, por inesperado, a alegría foi dobre cando recibiu a chamada comunicándolle un galardón ao que el lle dá un valor especial: «Noutros eidos, coma o empresarial, si que fora recoñecido o meu traballo dentro da comarca, pero nunca dende un sector tan importante como é o cultural».

Nos últimos anos, A Pousada ten acadado unha proxección que nin o mesmo Santamaría agardaba. O premio de Barbantia vén a sumarse a outros como o Martín Códax, que a sala recibiu hai dous anos, e ámbolos dous enchen de orgullo ao promotor dun proxecto que naceu hai un cuarto de século: «Nin de broma esperaba tanta repercusión. A Pousada foi sempre para min un proxecto vital. Houbo moitos altos e baixos en todos estes anos, pero o que é certo é que nunca lle perdín a cara; o tesón é importante, e vese o resultado». Aínda así, recoñece que «isto é cíclico, e logo pode vir outra gran caída. Baixadas desas xa vivín moitas».

Suso Santamaría non é unha persoa que se conforme co xa feito nin que se deixe cegar polos galardóns, pero é consciente de que o salto que deu a sala boirense nos últimos tempos é notable, e reparte as culpas dese éxito: «Isto é estar cambiando constantemente. E a melloría desde que se incorporou a este proxecto Ángel Ramallo é moi importante; desde que chegou encaixou como anel ao dedo na Pousada, é unha parte moi importante do equipo». Pero iso non quere dicir, recalca, que estea todo feito: «Auga pasada non move muíño, está todo por facer aínda».

 

Novos proxectos

O novo ano traerá consigo novas propostas á Pousada da Galiza Imaxinaria, porque a de Suso Santamaría é unha mente inquieta: «Acabo unha cousa e xa estou pensando na seguinte, sempre estou buscando saídas, porque os proxectos non sempre saen á primeira».

De feito, hai tempo que leva dándolle voltas a unha das iniciativas que verá a luz na sala boirense o vindeiro ano. Calquera que coñeza A Pousada e a Santamaría sabe da forte vinculación que ten con Javier Krahe, e no 2020 renderalle unha nova homenaxe. Aínda non se poden adiantar os nomes das participantes, pero si que a idea é involucrar a artistas femininas tanto galegas coma de fóra para que poñan voz ás cancións do cantautor. O proxecto denomínase O lado feminino de Krahe, e Suso promete que non tardará en haber novidades ao respecto.

No máis inmediato, a alma máter da Pousada ten por diante asistir ao acto de entrega dos Sereos, que terá lugar o sábado a partir das 12.30 horas na Casa da Cultura de Boiro.

 

Importante labor

Con respecto a este galardón, Santamaría destaca sobre todo o valor que ten que o recoñecemento veña do mundo da cultura barbancesa: «Que che premien na túa terra é importantísimo, e máis se é a xente da cultura quen o fai».

Neste sentido, subliña o importante labor que, ao seu parece, desenvolve a Asociación Barbantia: «O traballo de Barbantia serve para dinamizar, dar visibilidade e agrupar ao mundo da cultura, unifica e dá potencia á cultura barbancesa, de maneira que podemos facer cousas que por nós mesmos non poderiamos».

En canto aos trofeos que xa comeza a acumular nas súas vitrinas A Pousada, Suso Santamaría valóraos na súa xusta medida: «Non che dan premios porque si, hai moito traballo detrás destes recoñecementos, pero esa nunca foi a miña finalidade. O que me moveu sempre foi traer aquí actuacións e propostas que a min me gustarían ver. E o maior premio é ver a Pousada chea».

«Non che dan premios porque si, hai moito traballo detrás destes recoñecementos»


Comentar