La Voz de Galicia

Déixaos facer

Barbanza

Carlos H. Fernández Coto

27 Aug 2019. Actualizado a las 05:00 h.

A sociedade española perdeu algúns dos valores fundamentais, como a responsabilidade, o esforzo e a empatía, e esa perda está detrás de moitas das novas que lemos nos xornais e moitas que vemos na televisión. Somos unha sociedade que pasa do branco ao negro sen parar no gris, sen mirar por que o facemos. Será o carácter latino.

Cantas veces observamos como pais ou nais toman unhas birras no bar ou fuman un cigarro namentres os seus fillos abanean un farol ou unha papeleira, sen inmutarse, sen chamarlle a atención. Déixanos facer o que lles pete sen explicarlle as consecuencias das súas accións. Deus che libre de dicirlle a eses proxenitores que os seus nenos están estragando o mobiliario público pagado cos impostos que saen do teu esforzo, porque aínda teñen máis que dicir.

É máis, ata a propia policía pode pasar pola zona e nin pode reaccionar ante tal comportamento, porque fóronlle quitando autoridade pouco a pouco. Pasamos de épocas de educación férrea -a que nos inculcaron a nós- a momentos de lasitude, de deixar que medren sen entender a diferenza entre a liberdade e a libertinaxe.

Talvez na casa as súas nais sigan facéndolles a cama e ordenándolles o cuarto, sen aprenderlles o concepto de responsabilidade e do esforzo.

É así como podemos entender que estraguen a fermosa Santa Compaña de Nuco Losada ou o reloxo dos xardíns da Coruña, porque non coñecen o valor que está detrás.

Decátaste, cando viaxas, que noutros países hai mobiliario urbano que leva 50 anos funcionando, sen que ninguén precipite a súa morte precipitada.

Precisamos darlle a volta.


Comentar