O retiro do fecundo
Barbanza
O mestre desenvolveu unha longa traxectoria profesional que empezou en Canarias; é autor de investigacións filolóxicas e impulsor de asociacións como Galicia Viva e Barbantia
28 Oct 2016. Actualizado a las 05:00 h.
Xosé Ramón Brea Rei (Taragoña, 1955), filólogo e investigador, profesor recentemente xubilado e mestre por vocación, insiste sempre no seu retiro aldeán como se non fose precisamente o estrañamento do intelectual, ese apartarse para poder ver e entender mellor, a contribución esencial dun home empeñado en facer país.
Das súas primeiras lembranzas, os libros que a avoa traía da feira de Vilagarcía. Acode á escola de Valentín, á estatal de Cubide, e boa parte do Bacharelato faino por libre con Bandín, en Asados -«Cando se lle fará a merecida homenaxe a este home excepcional?», reflexiona-. Rematará aquel, así como Maxisterio, en Compostela.
No 1977 oposita en Canarias e ten os primeiros destinos cunha «inmensa morriña, nunha terra que me era allea». Casa abeirado ao Ulla, realiza os estudos de Filoloxía Hispánica, e regresa a Galicia, Muros, ao inicio dos oitenta, enfrontándose coa problemática do ensino do galego.
Nace a súa filla Tamara, novo destino en Cespón (Boiro) e, finalmente, no Brea Segade, na súa Taragoña natal. Trátase da ilusión tempo acariñada: o colexio construído no mesmo espazo onde vinte anos antes xogaba á pelota cos amigos de Ourolo. Nace Lois e «a música vai encher os recunchos da Ermida», o lugar de Dodro no que reside.
Praza en Carril
Co inicio dos noventa, oposita a Ensino Medio, acadando praza en Carril, e desenvolve 24 anos de plenitude profesional. Será tamén o inicio das súas investigacións filolóxicas: Dieste, Lorenzo Varela, Brea Segade, Otero... labor intenso que se prolonga ata os nosos días.
Membro fundador das asociacións culturais Galicia Viva e Barbantia, foi, ata hai uns meses, docente no IES Miguel Ángel González Estévez e se ben insiste, no exercicio da modestia e a discreción que o caracterizan, que vive nun «retiro voluntario, a coidar das viñas e da neta, co fondo das brañas do Ulla», tamén labra, co tempo e a dedicación que máis lle cumpren, os eidos das nosas letras e da nosa cultura, coa mesma paixón e necesaria demora coa que poda as maceiras nutricias do seu Mar Vello.