Arredor da roña
Barbanza
04 Oct 2016. Actualizado a las 22:47 h.
A roña empezou a desaparecer da pel dos galegos na década dos 60, cando se cambiou o hábito do baño dominical nas aldeas, vilas e cidades, pois en moitas aldeas de Galicia, ese baño festivo consistía en pediluvio e auga de colonia, pola actual ducha diaria, aínda que xa en amplos ámbitos sociais imponse o santo costume romano de dúas duchas diarias. E pode ocorrer que xa sexamos o pobo con maior limpeza corporal.
Pero a roña está aínda tan próxima no tempo que lle chamamos «tío roñoso» ao que é mesquiño. E segue impresa na alma dos galegos cando contemplamos os incesantes roubos e chanchullos amparados no poder político, tanto de esquerdas como de dereitas, que percorren toda a nosa historia contemporánea. A roña foi unha consecuencia da virtude cristiá occidental. Os santos da res cristiá non se bañaban. Cando lemos o De viris: II
Ilustrivis, de San Xerome, baseado na historia eclesiástica de Eusebio de Cesárea, á que copiou servilmente, atopámonos con frases como esta sobre a vida de moitos santos: «Desde que naceu foi santo, non bebeu viño nin sidra, non comeu carne ningunha, nunca se afeitou, non se untou con ungüentos nin utilizou o baño». De aquel fedor do occidente bárbaro, posromano, naceu sen dúbida en Compostela a necesidade do botafumeiro. Da sarna piadosa da santidade occidental habería que defenderse de algún xeito, aínda que só fose para mantela viva. É certo que en moitos bos hoteis de países árabes hai que ducharse con calcetíns para non ser infectados por fungos. Pero eses fungos veñen do opulento occidente, pois neses hoteis non entra o pulcro pobo musulmán.
Coa fulgurante aparición do islamismo e a súa rápida expansión polas nosas aldeas e vilas chegou o legado de Hipócrates e Galeno ao occidente cristián, que comezou a helenizarse e a paganizarse un pouco coa restauración dos xa perdidos costumes do baño, os perfumes e o aseo persoal. Pois ben, en política, a roña é censurar a liberdade de expresión dunha ideoloxía, cunha etnia, dunha relixión ou dun nacionalismo en nome da propia liberdade.