La Voz de Galicia

«A política debe dirixirse a cubrir as necesidades da xente»

Barbanza

A. Gerpe

O alcaldable do BNG asegura que o municipio ribeirense ten un gran potencial que non está axeitadamente explotado

28 Apr 2015. Actualizado a las 05:00 h.

-¿Cales son os puntos fundamentais do programa do BNG?

-Chegou o momento no que hai que mudar as prioridades das políticas municipais. A política debe dirixirse a cubrir as necesidades da xente; a crear as condicións, na medida que se poida no eido local, para lograr o crecemento e o emprego. É preciso axudar aos nosos sectores produtivos para que os cidadáns poidan vivir e traballar no municipio. Para facer unha obra só fan falla cartos e un proxecto, é máis difícil crear as condicións para favorecer o emprego. Tamén somos partidarios da participación, implicando aos veciños na elaboración dos orzamentos e levando unha xestión transparente. Iso non custa cartos. Ao mesmo tempo, o noso programa inclúe a posta en marcha dun plan de emerxencia social.

-¿Como ve Ribeira?

-Ten un gran potencial, con xente emprendedora e inquieta que sabe buscarse a vida, pero economicamente atravesamos por un mal momento. Temos unha eiva importante: a falla de chan industrial. Considero que a construción dun polígono é a única obra imprescindible.

-¿Cre que sería precisa maior diversificación económica?

-Turisticamente temos moito que ofrecer porque o municipio ten valores paisaxísticos moi importantes. Hai que potenciar o turismo de natureza e para iso non precisamos facer apartamentos nin grandes infraestruturas. Tamén creo que, tecnoloxicamente, debemos empezar a especializarnos en aquilo no que consideremos que somos bos. Hai que apostar máis polo I+D+i.

-Se chegara a gobernar, ¿que sería o primeiro que faría?

-Reunirme con todos os grupos políticos e, acto seguido, tamén cos profesionais municipais que traballan nos distintos departamentos do Concello para coñecer a situación.

-¿Que destacaría da xente que o acompaña na lista?

-É unha ferramenta para lograr un cambio na política do Concello. Valoro moito que se trate de xente moza e o compromiso amosado. Entenden a política como un servizo ao pobo e defenden as iniciativas públicas.

-¿Como van a articular a súa campaña electoral?

-Faremos unha campaña para explicar as nosas propostas e o noso modelo de Concello. Non imos buscar o enfrontamento porque o que queremos é dar a coñecer o programa.

Un libro «Sempre en Galiza»

Unha película «Cinema paradiso»

Un espazo O parque natural

Un político Castelao

Unha cidade Ribeira

Unha comida Lacón con grelos

Un deporte O hockey

Un personaxe histórico Castelao

Unha canción Teño moitas para escoller unha

Un desexo A fin do paro


Comentar