Alba contra o ocaso
Barbanza
27 Mar 2011. Actualizado a las 06:00 h.
Que ten o ocaso que emboba ós namorados?, ¿e que ten a alba que nos empuxa a saír e espabilar?. Se é máis fermoso un ou outro dependerá de quen os mire, pois a súa fermosura é tan indefinible que non é doado decidirse por unha ou outra. Enfrontar os ocres contra os violetas non é motivo de discusión, só de gusto e capricho; pero o significado dunha posta de sol enfrontada á saída, pode dar máis xogo, e por iso, nunha destas reunións nas que unhas cervexas nos axudan a divagar, non sei quen se puxo moi poético con este asunto, e entón alguén preguntou por que será que as parellas prefiren ficar contemplando un atardecer mellor ca un amencer; ambos momentos nos que luz e tebras compiten. E despois de soltar algunha que outra xeneralidade, cada quen aportou o seu punto de vista, xa fose desde o estado de ánimo, xa desde unha visión plástica, apoiada nas tonalidades cromáticas, deixando finalmente a discusión nun asunto máis metafórico, de se un representa a esperanza dun día novo e o outro a reflexión sobre o día que se vai. Un a luz vencendo ás tebras e o outro ás tebras vencendo á luz.
Daquela, ¿que teñen que ver os namorados co ocaso?. Porque, polo dito, embobarse cunha posta de sol é como deixarse enchouchar cun final irremediable, e se por algo se distingue un namorado é porque todo o tempo lle é pouco para gozar do seu estado, sempre lle parece que todo empeza e non ten límites; e só co desamor se pode entender o devalo que tal imaxe implica, obrigando a pensar no feito ou no ocorrido. O solpor semella transmitir un estado de ánimo reflexivo que invita ó desleixo e ó descanso. De tal maneira que, aceptando que a visión dunha posta de sol sexa un dos feitos máis románticos, non hai unha razón lóxica que explique a namoradeira preferencia, co que concluímos que iso de que a parella collida da man fique mirando como os ocres lle dan paso ás tebras, só é romántico por costume.
Día claro ou nubrado
Certo que calquera maneira de ver e entender unha imaxe destas dependerá do carácter da persoa que fica cara ela, e non é o mesmo un namorado da época de Bécquer ca un do tempo de Boccacio, un oidor de tangos ca un de baladas. Pero aínda aceptando o dito por altas e constantes voces adscritas ó crepúsculo, cabe preguntarse que lle falta á aurora para non ser considerada polos namorados, cando ó mirar o horizonte na amencida, instintivamente xa se pensa no que vai vir. O observador contempla esa luz querendo adiviñar se o día vén claro ou nubrado, se lle vai permitir facer todo o que ten en mente ou se deberá adialo. O abrente é promesa de futuro, o cal implica ánimo para saír, moverse e estar activo.
Ó final, entre os compañeiros de parladoiro fixemos promesa de propoñer como visión adecuada para os namorados o albor. Claro que, os namorados, por selo, non van abandonar a quenturiña dos seus leitos para pasmar con ningún amencer.