«O desemprego é a maior dificultade que temos no noso concello»
Barbanza
J.?M. Sande Alcalde de muros
Dosil asegura que, en canto os proxectos de saneamento estean rematados, será o momento de apostar forte para incentivar as infraestruturas e servizos turísticos
Domingos Dosil Cubelo preside a corporación municipal de Muros dende os pasados comicios locais. A súa proclamación coma rexedor local debeuse ao apoio recibido dos tres edís do Partido Popular, xa que a candidatura do BNG que el encabezara só logrou catro das trece actas de concelleiros que correspondían ao Concello.
-¿Como valora estes dous anos de xestión municipal?
-Son moitos os logros acadados en Muros nos últimos tempos, que poderíamos centrar no remate das obras do polígono empresarial, no impulso ao saneamento integral, no desenvolvemento socioeconómico e nas melloras acadadas no eido da cultura.
-¿En que situación se atopa o parque industrial?
-Estamos na fase de adxudicación das parcelas. Tamén en breve recepcionaremos os viais que transcorren polo parque, e estase ultimando a conclusión das obras de saneamento das augas industrias. Nós aspiramos a atraer empresas á zona, e tamén a que xurda un parque tecnolóxico neste lugar.
-¿Cando se rematará o proceso de depuración das augas fecais no municipio?
-Cando chegamos á alcaldía estaba iniciada a colocación de colectores en Muros e a construción da EDAR de Louro. Estas obras están agora rematadas. Tamén empezou a canalización de augas residuais en Esteiro e Tal, e a construción da depuradora de Esteiro.
-¿Estas intervencións implicarán que se poida poñer en marcha a depuradora?
-Estamos á espera de concluír a rede de sumidoiros en Louro, para conectalos á EDAR de A Vouga. Ao remate desas obras xa poderá entrar en servizo a depuradora.
-¿Emprenderon algunha media para mellorar o desenvolvemento económico?
-A entrada en servizo da área empresarial non será suficiente para mellorar a actual situación, aínda que será importante. Nós pretendemos crear as infraestruturas precisas para potenciar o turismo, xa que en todos os foros aos que asistimos dísenos que temos grandes potencialidades nese eido. Así, debemos pór en valor o casco histórico, e tamén os núcleos rurais.
-¿Que melloras se acadaron no aspecto cultural?
-Logramos que se implantase na vila a realización de cursos universitarios de verán, aínda que para iso debemos dispor duna infraestrutura axeitada. Nese campo atópase a compra do inmboble do cine París, que virá a ser un marco axeitado para realizar todo tipo de actividades cultuais.
-¿E no ámbito turístico?
-En Muros hai tres sectores relacionados, como son o turismo, o marisqueo e a pesca. Por iso, unha vez que rematemos co saneamento, incrementaremos as accións de promoción turística e tamén a mellora das infraestruturas e servizos parellos a ese sector. Dese xeito poderemos tamén atraer a turismo de cruceiros do norte europeo.
-¿En que situación se atopa o tan ansiado porto deportivo?
-O porto deportivo segue sendo unha actuación básica e prioritaria para o Concello. Esperamos que Portos instale pantaláns na dársena do medio, con capacidade para douscentos puntos de amarre e que, ao saturarse ese espazo, se amplíe coa construción dun novo dique deportivo.
-¿Que significará para Muros o cambio de goberno na Xunta de Galicia?
-Espero que non se alteren os nosos plans. As peticións son as de antes, e quixéramos que se axilizasen.
-¿Cal é o peor problema ao que se enfrontan os veciños?
-Sen dúbida algunha, o desemprego é a maior dificultade que hai no noso concello.