O autoemprego como saída
Barbanza
Alumnos do Leliadoura participan nun plan que fomenta o espírito emprendedor e o cooperativismo
21 Feb 2009. Actualizado a las 02:00 h.
A procura de emprego é un difícil reto ao que cada ano teñen que enfrontarse os mozos que rematan os seus estudos nos centros de ensino da comarca. Para facilitar esta tarefa e para poñer enriba da mesa novas alternativas, o instituto Leliadoura leva anos organizando un obradoiro de fomento do autoemprego e do cooperativismo. Nesta ocasión, á actividade, que é de carácter voluntario e desenvólvese fóra do horario lectivo, sumáronse unha ducia de mozos da rama administrativa.
Do que se trata, segundo explicou o coordinador do plan, Carlos Llanes, é de explicarlle aos estudantes que no abano de opcións que teñen á súa disposición atópase a de poñer en marcha o seu propio negocio. Aínda que o seminario que se imparte no instituto ribeirense está enfocado cara a formación de cooperativas, os alumnos reciben formación que lles permite coñecer o método de creación de calquera tipo de empresa.
O curso, que arrancou esta semana, está dividido en dous módulos. O primeiro deles, de trinta horas de duración, está orientado cara o cooperativismo, e nel os mozos adquiren información sobre a figura xurídica, a lexislación e a historia deste tipo de asociacións de carácter empresarial.
Parte práctica
Na segunda parte do seminario, de nove horas, os estudantes terán a posibilidade de, divididos en grupos reducidos, desenvolver a súa propia idea de negocio mediante a creación dun plan de empresa. A iniciativa completarase coa presentación dunha experiencia cooperativa, un foro no que os estudantes poderán intercambiar opinións cos empresarios.
Ademais de pola importancia que o seminario ten para espertar o espírito emprendedor dos mozos, Carlos Llanes destaca que esta iniciativa tamén é interesante no eido da socialización: «Os alumnos aprenden o que é o traballo en equipo, a importancia que ten a solidariedade entre as persoas que perseguen un fin común».
Este programa está promovido polas asociacións do cooperativismo galego Sinerxia, Eixo, Ucetag e Ugacota, en colaboración coa Consellería de Traballo e dos centros de ensino que decidiron sumarse a el, entre os que se atopa o Leliadoura. A valoración que este instituto ribeirense fai das pasadas edicións do plan é moi positiva.