Piratas e comenencias
Barbanza
LINGUA PROLETARIA | O |
21 Jan 2006. Actualizado a las 06:00 h.
MONCHO O fillo do señor Ramón o Toco, amañou a súa economía, a finais dos anos setenta, grazas ó bo soldo que cobraba como mariñeiro de cuberta nun barco pirata, tamén chamado de bandeira de comenencia. -De conveniencia, quererás dicir. -Non, non, de comenencia, de comenencia. Xulio di que, barcos coma ese, matriculados en países con certos baleiros legais, para non pagar impostos e ofertarlles ós seus empregados nóminas sen taxas nin tributos, eran unha táboa de salvación, nunha sociedade rexida pola economía de peto furado, e polo que tiñan asegurado o indulto popular, pois permitía ganar a peseta, aínda que fose descapitalizando o país de orixe. -Legalmente, pero descapitalizando. Di Xulio que, a pesar das grandes crises dos anos oitenta e noventa, seguiuse desculpando e admitindo que os máis importantes navieiros do país tivesen media flota baixo bandeiras de conveniencia ou comenencia para non pagar impostos, para abaratar custos e para o que sexa mentres papá estado é cómplice das xubilacións irregulares, que lle deixan sitio a contratos por marea con vacacións pagadas á conta da cartilla do paro. E aquí non pasa nada. -E aínda hai quen toma a Evo Morales por un pailaroco, cando lle esixe ás empresas que explotan os recursos bolivianos que reinvistan as ganancias. Cando se xoga co dereito ó traballo, e coa pensión, aquí, neste noso primeiro mundo, non pasa nada, e sen embargo corren ríos de tinta cando eses mesmos armadores casan por todo o alto cunha modelo de papel cuché no altar da Purísima, despois de pagar o divorcio, no tribunal da Rota, con diñeiro libre de impostos. O malo de tal comenencia ou conveniencia, é que logo, cando os impostos teñen que pagar a xubilación, temos que andar dando voltas por facenda e pola tesourería da Seguridade Social, sumando días, horas e minutos para ver se se cumpren ou non os anos de cotización, ou hai que buscar un enchufiño para facer algunha trampa.