«Arousa é unha comarca solidaria. Dannos de todo»
Vilagarcía de Arousa
06 Nov 2016. Actualizado a las 05:00 h.
O director de Cáritas Interparroquial de Arousa salienta a solidariedade da comarca, o boa coordinación das ONGs da zona, e critica as administracións que descargan o seu traballo sobre elas.
-¿É Arousa solidaria?
-Arousa é unha comarca solidaria por excelencia. Non podes imaxinar o que nos dan. De todo. Desde a vendedora da praza á que lle sobran catro repolos, e nolos trae, un peixeiro de Cambados que nos doa mercadoría, ou colexios que nos dan o chocolate e os churros que lles poidan sobrar dunha festa. E vexo como pais traen seus fillos ao comedor para que vexan o que se fai aquí, e voluntarios novos, que poden vir desde os 16 con permiso paterno.
-¿Ata onde chega Cáritas Interparroquial de Arousa e as demais ONGs que traballan sobre o terreno na comarca?
-Sempre haberá pobres vergonzantes, que o están pasando mal, mal, mal, pero non irán nunca a ningures a pedir. Pero Cáritas ten unha rede, as parroquias, que ven moitos problemas que non se ven na capital, e alertan de moitos casos. Pero que non chegamos a todos lados, é así. Cada vez hai máis organizacións, e fan falta. Na zona estamos moi ben coordinados, polo Concello de Vilagarcía. Imos facendo cousiñas dentro dos medios que temos. Quereriamos facer máis, pero non podemos. Tampouco queremos facer cousas que lles corresponden ás administracións, que descargan moito sobre as ONGs, porque é a súa obriga. E denunciámolo.
-Cando escoita falar o Goberno do Estado de recuperación, ¿que lle di a cabeza, que sinte no peito, e que lle pide o corpo?
-[Gargallada] Iso é moi difícil de contestar. Contestábacho ben fácil se non estivese en Cáritas. Eu son optimista, e coa axuda de todos penso que temos que ir para adiante. Se hai que cambiar de profesión, haberá que cambiar, se hai que moverse de localidade, haberá que moverse. Nunca tivemos unha xuventude tan formada como agora. Hai unha xente moi boa, en xeral. Temos que saír. Pero poñendo todos da nosa parte, non só os políticos. Desde Cáritas queremos promocionar, non asistir a xente. Temos 19 persoas traballando nas nosas tendas de roupa en Galicia. En Arousa prantamos patacas en Tremoedo, e en Sobradelo de todo, como terapia para a xente da casa de San Cibrán, e os excedentes vendémosllos a Horsal, da que somos cooperativistas. E facemos cursos de formación para os nosos beneficiarios, e temos unha bolsa de emprego, a través da nosa traballadora social.