La Voz de Galicia

De ladrármoslle á lúa

O Grove

Avelino Ochoa

Así que temos ao ser humano emporcando tamén o ceo e, por suposto, unha vez máis, aí aparece a industria de armamento mundial

17 Jul 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Agora que non somos agrarios e non se fai tanto caso da lúa haberá que empezar a ter medo dela. Si, medo dela e de todo o espazo extraterrestre, porque pode deixar de ser o noso ceo idealizado —ir ao ceo, estar coma no ceo—; e non porque vaian aparecer ovnis ou xente galáctica —non sei se se poderá chamar así— senón porque o ser humano —destrutivo, colonizador— estao a empezoñar, entre outras, coa pretensión de situar armas para poder matar máis e mellor desde alí. Dispararnos desde a lúa e o ceo. Ao ser humano non lle chega con provocar cambio climático, enlearse en guerras, causar desigualdade e ser profundamente insolidario cos iguais na Terra, senón que agora, sen disimulo, busca colocar armas polo cosmos adiante, para dominar aos conxéneres. Vólvome lembrar de Luigi Ferrajoli, que clama por unha lóxica e necesaria Constitución para a Terra que regule os elementos comúns da Humanidade porque entre eles están o ceo e a lúa. As potencias militares mundiais andan agora mesmo na procura de armarse desde o firmamento, de xeito que a ONU, que tantas veces parece un profeta a predicar no deserto, tamén está atemorizada. Na súa sesión de novembro do ano pasado abordou este tema e, literalmente, dixo que estaba «seriamente preocupada» pola posibilidade dunha carreira de armamentos no espazo ultra terrestre e pediu que todos os Estados, en particular os que posúen capacidade en materia espacial, contribúan activamente a impedila e que, ademais, fortalezan a cooperación internacional para a exploración e utilización da estratosfera con fins pacíficas; e manifestou a mesma «profunda preocupación» pola fraxilidade do entorno espacial e polos problemas de sustentabilidade a longo prazo das actividades nese espazo ultra terrestre e, en particular, polo impacto do lixo espacial. Así que temos ao ser humano emporcando tamén o ceo e, por suposto, unha vez máis, aí aparece a industria de armamento mundial, pública e privada, a buscar xeitos de vender armas, enriquecerse, innovando na busca de poder matar máis e mellor. Sen embargo, a tecnoloxía espacial debería ser utilizada a favor do home porque, como tamén di a ONU, convén a toda a Humanidade que se fomenten e amplíen con fins pacíficas a exploración e utilización do espazo ultra terrestre, como patrimonio de toda a Humanidade e que se persevere nos esforzos para que todos os Estados poidan gozar dos beneficios derivados desas actividades e cita, como exemplos, os sistemas de observación da Terra, as tecnoloxías de navegación e comunicación por satélite, ou vixilancia de asteroides, todos eles instrumentos que poden fomentar a cooperación internacional en todo o mundo na xestión de desastres, en técnicas de tele-saúde, tele-ensino, protección ambiental, xestión de recursos naturais, control dos océanos e do clima, que contribuirían a facilitar o cumprimento de diversos aspectos do desenvolvemento económico, social e cultural, e, en fin, a erradicar a pobreza. Esta situación, de novo, vén a demostrar a necesidade dese goberno mundial forte para administrar o que é común a toda a Humanidade e evitar, outra volta, que sexan os poderosos, económica e/ou militarmente, os que tamén se apropien do ceo*. E non me vale o conto de que a tecnoloxía militar poderá ser usada a posteriori no mundo civil, porque ben se pode saltar ese paso. Sen embargo, a ONU non se atreveu a instaurar un, por chamarlle dalgún xeito Día do Espazo Ultra-terrestre libre de armas e de lixo, senón que, aproveitando que o Apolo XI chegou á lúa o 20 de xullo de 1969, declarou esa data como Día Internacional da Lúa, querendo dicir, pero sen dicir. Se cadra vén ó caso chamarlle a esa conduta ladrarlle á lúa.


Comentar