La Voz de Galicia

O Grove bautiza o Monte Central da Toxa co nome do exalcalde Xaquín Álvarez Corbacho

O Grove

leticia castro o grove / la voz

A figura do político centrará o día 30 varios actos de homenaxe

23 Apr 2022. Actualizado a las 05:00 h.

O Grove lembrará a Xaquín Álvarez Corbacho, quen fora o primeiro alcalde da democracia na localidade, alá polos ano 1979 e 1981. E farao a través dunha homenaxe póstuma que se levará a cabo o vindeiro sábado, 30 de abril. O acto, que conta co respaldo e a colaboración estreita do Concello e da Deputación de Pontevedra, está organizado pola Asociación Barlovento, entidade que o propio Corbacho presidiu e impulsou no ano 2015, e que ten como finalidade «reforzar o coñecemento, a análise e o diálogo entre os cidadáns». É, pois, unha plataforma cívica e social da que participan recoñecidas facianas da sociedade meca como Xan Caneda, Alfredo Fernández, Elena Chaves, Manuel Iglesias, Lina Álvarez ou o ex patrón maior Francisco Iglesias, entre outras.

Os integrantes da entidade levan meses traballando para facer realidade este recoñecemento que reunirá a grandes persoeiros, amigos persoais de Corbacho, a través dun relatorio e dunha exposición arredor da súa figura; ademais dunha proxección audiovisual na que aparecen distintos compañeiros do eido político, social e deportivo. Todas estas accións terán lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.

Acudirán ao relatorio: Marciano López, ex xogador do Anduriña SD, Jose María Mourelos, ex alcalde do Grove, Domingo Guerra, membro do Consello de Contas de Galicia, Fernando Salgado, ex conselleiro de Economía e xornalista, Carlos Pajares, ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Emilio Pérez Touriño, ex presidente da Xunta de Galicia e o alcalde do Grove, José Cacabelos. Dende a asociación recoñecen que non foi doado cadrar axendas, pero a relevancia da figura de Corbacho, quen foi tamén vicerreitor da USC e catedrático de Economía Aplicada, ademais de colaborador habitual deste xornal, merecían dende logo o esforzo feito.

Ao rematar a mesa redonda, que dará comezo ás doce, e estará moderada pola vicepresidenta de Barlovento, Elena Chaves, terá lugar unha actuación musical a cargo de Carmela Arce e Anxo Rego, que porá o broche ás actividades da mañá.

Xa pola tarde, a homenaxe trasladarase ao Monte Central da Toxa, que dende ese momento comezará a chamarse Xaquín Álvarez Corbacho. Unha decisión que foi aprobada en pleno o pasado mes de decembro, a proposta da Asociación Barlovento, e que contou co apoio de todos os grupos políticos. Ao acto de descuberta da placa conmemorativa, que se realizará ás cinco da tarde, acudirán a súa viúva, Mar Martín e o actual rexedor do municipio, Jose Cacabelos. Un recoñecemento que promete ser do máis emotivo, e no que tamén participarán os gaiteiros Os Mecos do Grove.


Comentar