A praza de Alfredo Brañas acollerá a I edición da Festa da Mocidade o próximo día 20
Cambados
Contará coa actuación de Madva e a empresa de entretemento Ozoaventura
14 Dec 2025. Actualizado a las 20:31 h.
Cambados adianta a temporada de festas coa celebración da I edición da Festa da Mocidade, organizada pola concellería dirixida por Noelia Gómez. A cita será o sábado 20 de decembro na praza de Alfredo Brañas, con entrada aberta e gratuíta. «Decantámonos por esta data porque é cando os rapaces dan vacacións e volven á vila. Parécenos unha boa forma de xuntarnos todos nunha das principais prazas de Cambados», apuntou a edil. A música comezará a soar ás 21:00 horas, «antes, ás 19:00 horas no Auditorio, desfrutaremos da proxección da película “San Simón” e do coloquio cos protagonistas» recordan.
Ademais, o Concello fai unha aposta polo talento local contando coa colaboración do DJ Madva, que se encargará de poñer a bailar ao público. Non estará só, senón que a empresa de animación Ozoaventura tamén se une ao cartel con pintacaras, xogos e ambientación de nadal. «Animamos a todo o mundo a vir e a pasalo ben. Van ser catro horas de festa saudable. Queremos reducir o consumo de bebidas alcohólicas e a cambialo por zumes e refrescos», explicou Gómez.
O lugar escollido non é casual, tal e como explican dende o Concello, xa que se trata «do epicentro da diversión cambadesa, con varios locais de hostalería preto». Dende o Concello xa o teñen todo previsto e aínda que confían en que non chova, xa se conta co Salón Peña como espazo alternativo ao que mover a celebración en caso de mal tempo. A intención da concellería de Mocidade é que esta sexa a primeira de moitas outras edicións: «Queremos darlle continuidade».