La Voz de Galicia

O IES Cabanillas perde profesores e o claustro alerta das repercusións no alumnado

Cambados

«Moi probabelmente debamos renunciar ao plan de Bibliotecas, á radio escolar, ás actividades de reforzo para aquel alumnado que precisa maior apoio ou ao Bacharelato de Excelencia que impartimos neste momento», advirten os docentes

07 Sep 2021. Actualizado a las 21:09 h.

O claustro de profesores do instituto Ramón Cabanillas de Cambados expresou o seu malestar pola decisión da Consellería de Educación de reducir en tres o número de profesores para este curso e deixar en corenta o cupo para o curso 2022/2023, o que supón dous docentes menos respecto a anos atrás. Lamentan que «cando aínda non está pechada definitivamente a matrícula, non ten lóxica que por parte da Administración se lles comunique aos centros cal vai ser o profesorado co que van contar».

«Seguimos nunha situación de pandemia, e aínda que a maioría da poboación está vacinada, incluído persoal docente e non docente, o noso alumnado está aínda en proceso de vacinación; e as autoridades sanitarias descoñecen como vai ser a evolución futura».

O claustro cualifica de «irresponsabilidade» reducir o número de profesores e lanzan unha advertencia. De confirmarse a perda de profesorado, «o centro veríase na obriga de modificar a liña de traballo dos últimos cursos. Ao contarmos con menos profesorado, moi probabelmente debamos renunciar ao plan de Bibliotecas, á radio escolar, ás actividades de reforzo para aquel alumnado que precisa maior apoio ou ao Bacharelato de Excelencia que impartimos neste momento. Renuncias que se farían contra a nosa vontade e irían en detrimento do noso alumnado, pero que nos veríamos obrigados a adoptar diante da decisión de non dotarnos do profesorado suficiente».


Comentar